Almorzo On/Off con Gustavo Pedraza, activista polos dereitos humanos en Colombia, o xoves 22 en Santiago de Compostela

Publicado por o día 16/02/2018 na sección de Galicia,Santiago

Almorzo On/Off con Gustavo Pedraza, activista polos dereitos humanos en Colombia, o xoves 22 en Santiago de Compostela

Gustavo Pedraza Salcedo, activista polos dereitos humanos em Colombia participarán o vindeiro xoves 22 de febreiro nunha edición especial dos Almorzos On/Off en Santiago. O encontro terá lugar a partir das 11:30 horas na Sala de Xuntas da sede do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (Rúa Ponferrada, 9, baixo).

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e Amnistía Internacional organizan este acto que dará comezo ás 11:30 horas co ‘OFF’ para colexiados, para dar paso despois ao ‘ON’, a rolda de prensa de libre acceso, ás 12:00. Os medios gráficos poderán tomar imaxes, non audio, antes, durante, e tras o almorzo, e tamén durante a rolda de prensa.

Por motivos de organización, para poder asistir ao ‘OFF’ para colexiados é imprescindible inscribirse enviando un mail a xornalistas@xornalistas.gal ou chamando ó 981 93 56 70. Aforo limitado.

Gustavo Pedraza

Gustavo Pedraza Salcedo é o irmán de Carlos Alberto Pedraza, defensor dos dereitos humanos e membro do “Congreso de los Pueblos, del Movimiento Político de Masas Social y Popular del Centro Oriente’, que foi asasinado en xaneiro de 2015 na zona rural de Gachancipá (Cundinamarca), a 50 kilómetros de Bogotá. Previamente fora amezado pola organización paramilitar denominada “Águilas Negras”. Activista polos dereitos humanos en Colombia, Gustavo Pedraza atópase en España dentro do programa de protección de defensores de Amnistía Internacional, ao estar a súa vida ameazada en Colombia.

Pedraza vai informar neste Almorzo On/Off da loita que se está a realizar para esclarecer o asasinato do seu irmán, ademais de abordar a situación xeral dos dereitos humanos en Colombia. A pesar o acordo de paz alcanzado entre o goberno colombiano e as FARC, aínda queda moito por facer para ver o final das violacións de dereitos humanos. Colombia vive neste momento un alarmante aumento dos ataques contra líderes comunitarios, activistas en favor do dereito á terra e contra quen fan campaña polo proceso de paz e contra a impunidade, especialmente no rural. Nalgunhas zonas, o espazo deixado polas FARC tras a desmobilización desatou enfrontamentos entre outros actores armados, como o grupo paramilitar Autodefensas Gaitanistas de Colombia e a guerrilla do Exército de Liberación Nacional, sen que o Estado estea a garantir a protección das comunidades.

Almorzos ON/OFF

Os ‘Almorzos On/Off’ lévanse realizando dende febreiro de 2005, organizados polo CPXG en varias das súas demarcacións. Estes encontros cos xornalistas pretenden fomentar o diálogo e a análise da actualidade cos seus protagonistas.

O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega.