Alumnado da Escola de Enfermería participará este martes nun videoforum en torno ao documental “Sorrisos transformadores”

A Deputación de Pontevedra e a asociación ARELAS promoven esta iniciativa na que se visibiliza o colectivo LGTBI amosando os diferentes obstáculos sociais aos que se enfrontan a diario as persoas trans*
Publicado por o día 11/11/2019 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra

Alumnado da Escola de Enfermería participará este martes nun videoforum en torno ao documental “Sorrisos transformadores”

Alumnas e alumnos da Escola de Enfermería participarán este martes 12 de novembro, ás 11:30 horas, nun videofoum no que se proxectará o documental Sorrisos transformadores. A curtametraxe está vinculada coa exposición itinerante coa que, baixo o mesmo título, a Deputación de Pontevedra e a Asociación de Familias de Menores Trans de Galicia (ARELAS) visibilizan o colectivo LGTBI. Esta iniciativa do Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra está incluída dentro da liña de colaboración coa Escola de Enfermería para promover a igualdade de oportunidades, o respecto á diversidade e o dereito a ser diferentes.

O documental recolle os testemuños das e dos protagonistas da exposición amosando as diferentes realidades e os obstáculos sociais aos que se enfrontan as persoas trans* día a día. Esta peza, financiada pola Deputación de Pontevedra, acadou o recoñecemento da crítica audiovisual chegando a ser finalista na categoría “Mellor serie web” dos XVII Premios Mestre Mateo. Tras a proxección do documental Cristina Palacios, presidenta de ARELAS, e o alumnado da escola debaterán sobre os contidos do mesmo.

A curtametraxe xira ao redor da mostra “Sorrisos transformadores”, a exposición itinerante que acaba de percorrer varios concellos da provincia e tamén algún outro emprazamento coma Sarria, Betanzos ou a Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente a exposición pode visitarse no CPI Toural de Vilaboa, onde permanecerá ata o 15 de novembro. A mostra consta de 10 fotografías de Noemí Chantada nas que aparecen retratadas persoas alegres, orgullosas, que amosan unha parcela da súa vida que lles gusta. Cada fotografía está acompañada por un texto que reflicte unha frase ou unha idea sobre a protagonista ou sobre a seu entorno.

Comentar noticia

Your email address will not be published.