Alumnado do campus coordina unha campaña para dar visibilidade á muller no deporte

A través da venda de pulseiras, recadan fondos para Asociación Mujeres en el Deporte Profesional
Por o 06/02/2019 | Sección: Galicia,Pontevedra,Universidade de Vigo
Alumnado do campus coordina unha campaña para dar visibilidade á muller no deporte

Dar maior visibilidade ao papel das mulleres no ámbito deportivo é o obxectivo principal da campaña #SoyMujerSoyDeporte, que, nas semanas previas ao 8 de marzo, Día Internacional da Muller, promove por segundo ano consecutivo a Asamblea Nacional de Ciencias de la Actividad Física y del Deporte (Anecafyde). Unha campaña que neste 2019 coordina un grupo de estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e que suma a difusión de vídeos en redes sociais a comercialización dunha serie de pulseiras co propósito de recadar fondos destinados á Asociación Mujeres en el Deporte Profesional, un colectivo que ten como obxectivo perseguir as desigualdades existentes no eido deportivo, xa que, como salientan na súa web, das preto de 700.000 deportistas federadas que existen en España só 1361 son profesionais.

“Pareceunos unha asociación cuns valores e unha filosofía que encadra moito co que nós buscamos tamén como asociación e quixemos realizar unha achega económica ao seu proxecto”, sinala Matías Zelarayán, alumno de Ciencias da Educación e do Deporte, e responsable de comunicación na directiva da Anecafyde, na que esta facultade tamén está representada polo tesoureiro e presidente da delegación de estudantes do centro Marcos García Pascual. Deste xeito, a campaña da Anecafyde que, por unha banda, dá continuidade á iniciativa impulsada en 2018 en redes sociais e, por outra, suma a esta a venda de pulseiras, está a ser coordinada desde este centro do campus pontevedrés. Coincidindo co seu arranque na presente semana, o director de comunicación de Anecafyde e os compañeiros e compañeiras na directiva da Delegación de Estudantes do centro David Álvarez, Isabel Soya e Xoel Souto, presentaron ao decano da facultade, Vicente Romo, unha iniciativa que nestes primeiros días logrou xa vender do 70% das 3000 pulseiras co lema #SoyMujerSoyDeporte encargadas inicialmente para o arranque desta campaña e que desde esta semana están a distribuír por toda España. “Temos dous enlaces diferentes, un para delegacións de estudantes doutras universidades e outro para persoas particulares, que tamén poden encargar as súas pulseiras”, que teñen un custo de 1,50 euros dos que 50 céntimos destínanse como donativo á Asociación Mujeres en el Deporte Profesional, explica Zelarayán dunha iniciativa que que prevén estender ata a semana do 8 de marzo.

Participación en redes sociais

Foi o anterior equipo directivo da Anecafyde, do que tamén formaba parte Marcos García e que presidía a tamén estudante do campus Lara Piñeiro, o que impulsou por primeira vez esta campaña #SoyMujerSoyDeporte, co propósito, explica unha asemblea na que están representadas 39 universidades españolas, “de visibilizar o papel de todas as mulleres no ámbito deportivo”, tanto profesionais e amateurs, como adestradoras, docentes, investigadoras, mulleres que realizan actividade física de maneira recreativa… Todas elas foron convidadas a subir ás redes sociais un vídeo co lema da campaña, iniciativa que a asociación mantén neste 2019, no que convidan de novo a subir unha foto ou vídeo en Instagram, Facebook ou Twitter coa etiqueta #SoyMujerSoyDeporte, vídeos que, explican, a Anecafyde difundirá conxuntamente nos seus perfís o 8 de marzo. “Este ano propoñemos tamén que nos manden unha foto da man coa pulseira”, engade Zelarayán dunha iniciativa que busca pór o foco na necesidade “da igualdade entre homes e mulleres no ámbito deportivo”.

A seguinte asemblea, en Pontevedra

Máis aló desta asemblea, a Anecafyde será tamén protagonista no campus entre o 27 e o 31 de marzo, por mor da celebración, en Ciencias da Educaicón e do Deporte a súa décimo oitava asemblea, que se verá complementada pola organización de talleres e de diferentes mesas de debate sobre temas relacionados coa situación actual da titulación de Ciencias da Actividade Física e do Deporte.

Comentar noticia

Your email address will not be published.