Alumnado de Educación Social emprega Instagram para dar a coñecer a importancia da súa profesión

Nel traballan conceptos e cuestións relacionadas coa súa área
Publicado por o día 25/02/2018 na sección de Universidade de Vigo

Alumnado de Educación Social emprega Instagram para dar a coñecer a importancia da súa profesión

En que consiste o traballo dun educador ou educadora social? Cal é a súa función en entidades como os concellos e en eidos como a educación permanente? Para responder a estas e outras preguntas similares, alumnado de Educación Social da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense vén de pór en marcha unha iniciativa denominada proacciónsocial coa que queren dar a coñecer a profesión para a que se están formando ao mesmo tempo que eles e elas mesmas reflexionan sobre os grandes temas da súa área.

A iniciativa, na que participan 70 estudantes, xorde no marco da materia de Pedagoxía Social de primeiro ano do Grao de Educación Social co lema “coñece a nosa profesión dende dentro”. A súa primeira acción consiste na posta en marcha dun perfil aberto en Instagram chamado proacciónsocial no que o alumnado vai publicando imaxes e textos nos que traballan diferentes aspectos da súa profesión, desde o ámbito de actuación ata conceptos importantes na súa área. “Educación Social? Que é iso? Moita xente non sabe en que consiste realmente esta profesión, incluso os familiares dos propios estudantes de Educación Social. Sóalles algo pero non o teñen claro. Para contribuír a cambiar esta situación en xeral temos que ser nós mesmos proactivos”, comenta Millán Brea, educador social e profesor da materia.

Conectar coa profesión

Tendo en conta este contexto, xurdiu esta iniciativa da que o seu promotor sinala que “é moi interesante xa que ademais de traballar a propia materia estamos a empregar unha das ferramentas de comunicación máis potente que existe e na que se relaciona a mocidade para que eles mesmos expliquen que estudan e en que consiste a súa futura profesión”. Ademais, destaca, a actividade, que continuará ao longo do cuadrimestre, contribúe “a que o alumnado entre xa en contacto coa realidade da súa profesión desde o primeiro curso, sen necesidade de agardar ao último ano”.

Divididos en grupos, cada alumno e alumna ten que semanalmente realizar unha imaxe co seu correspondente texto arredor dun tema, sendo publicadas finalmente unha selección desas imaxes. “A resposta está sendo moi boa. O alumnado implícase, traballa as imaxes e sobre todo traballa os contidos e as mensaxes. É un bo xeito de conectar con eles e de que á súa vez eles conecten coa profesión e coa sociedade”, sinala o investigador do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa. Estes futuros educadores e educadoras sociais, apunta Brea Castro, están preparándose para ser “profesionais da intervención social, para acompañar nos procesos de desenvolvemento das persoas ao longo da súa vida, para ser axentes de cambio nunha sociedade que precisa actitudes críticas e pensar no futuro”. Por este motivo, recalca, é interesante que desde o momento que comezan a súa formación teñan que empregar ferramentas que os conecten coa sociedade para a que traballarán.

Primeiras publicacións

Nas primeiras publicacións, o alumnado responde á pregunta de que é a ser proactivos en acción social ou que é a pedagoxía social, cal o papel destes profesionais en concellos ou cal é a importancia da pedagoxía na formación dos educadores e educadoras sociais. Entre as súas primeiras publicacións está a reflexión: “Para que serve a educación social? Gustaríache que todas as persoas tiveran as mesmas oportunidades? Que ninguén se sentira fóra de lugar dentro da sociedade? Podemos acadar unha sociedade a favor da igualdade de xénero? Todo isto poderíase lograr se tiveramos un/unha profesional da educación social no noso día a día… Onde podes atopar un/unha? En institucións como: centros cívicos onde acudas a realizar actividades, centros culturais, concellos, asociacións de lecer e tempo libre, centros da terceira idade, centros de menores, centros penitenciarios, oenegués… A educación social é unha profesión pertencente ao ámbito das ciencias sociais e da comunidade; emprégase como instrumento para a transformación da sociedade e mellorar a calidade de vida da mesma”.