A portavoz nacional, Ana Pontón, citou a Cicerón para advertir contra a política sen principios, -“cando os políticos non ser rexen pola ética son como hienas á caza do poder”-, para denunciar que Galiza non se merece un presidente “sen palabra, disposto a manterse no poder custe o que custe” como ven de demostrar en Ourense.
“Vivimos tempos nos que é necesario dignificar a política e recuperar o seu verdadeiro significado, e para iso é imprescindíbel o valor da palabra, que o que se di se corresponda co que se fai”, alegou Pontón na sesión de control ao xefe do Executivo, para denunciar que Feixóo fixo xusto o contrario.
“Para Ourense sería letal ter a Jácome como alcalde, una persona histriónica, lo contrario de una ciudad abierta y cordial. Lamentablemente fuera nos empiezan a conocer por eso … nos preocupa, porque nos da mala imagen”, salientou recollendo as declaracións do presidente galego nunha entrevista de prensa.
Pero, indicou, “ese político letal, histriónico e contrario a unha cidade aberta e cordial é alcalde de Ourense por obra e gracia dos votos do PP. Un cambalache que provoca vergoña allea e deixa claro que a súa palabra non vale nada e que practica a peor das políticas, a que ten como único obxectivo manterse na poltrona a toda costa porque é un xonqui do poder”.
Pontón afondou na gravidade desa falta de principios en quen ocupa a máxima responsabilidade de goberno.
“Cando o poñemos contra o espello das súa palabras o que constatamos é algo moi preocupante para este país: que temos un presidente da Xunta que tanto di unha cousa como fai a contraria e non podemos crer na súa palabra. Non é o presidente que precisa Galiza”, sentenciou, convencida de que os galegos e as galegas “vanlle poñer as maletas na porta” nas eleccións de 2020.
E para tapar esa realidade, salientou a líder do Bloque, Feixóo volveu recorrer “á propaganda e á publicidade”, nesta ocasión co agravante de utilizar as institucións de goberno como plataforma electoralista.
“Como non ten palabra continuamente ben aquí a repetirnos as mesmas promesas e o pasado xoves o que fixo foi un acto preelectoral na sede da Xunta, e se tivese tanto que ofrecer non suspendería o Consello de goberno onde se poden tomar decisións para dar un mitin na sede da Xunta”, criticou, “nun intento desesperado de tapar a realidade do seu fracaso porque é o peor presidente da historia de Galiza, como demostra a sangría migratoria da xente moza que está detrás da crise demográfica ou o deterioro dos servizos públicos”.
Actuación de parte do presidente da Cámara
Como é habitual nas sesión de control, Feixóo eludiu dar explicacións e aproveitou o turno de peche para acusar ao BNG de ser morno na condena do terrorismo, unha acusación que a líder nacionalista considera intolerable e que suscitou unha cuestión de orde por parte de Ana Pontón para pedir a retirada desas declaracións, petición que non foi atendida polo presidente da Cámara.
Por iso, a formación nacionalista vai presentar unha queixa formal ante a Mesa do Parlamento pola actuación de parte a favor do PP do presidente Miguel Santalices, que deixa ao BNG en situación de indefensión parlamentaria.
O Bloque contrapón esta negativa de Santalices a atender a súa petición coa dilixencia que pon para chamar a orde ou decidir a retirada do diario de sesións cando na Cámara se menciona a condena por corrupción do PP ou cando se lembran os seus vínculos co Franquismo. Pero mira para outro lado cando é o PP e o propio presidente da Xunta quen fan acusacións e insinuacións insidiosas nada menos que nunha cuestión de tanta gravidade, poñendo en cuestión a coñecida oposición do BNG de total condena de calquera tipo de terrorismo.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.