Ángeles Álvarez insta ao estado a poñer límites e prohibir de forma taxante o alugueiro de mulleres con fins reprodutivos

Álvarez destacou a importancia da linguaxe, “elemento clave da industria reprodutiva, que describe o aluguer de mulleres con fins reprodutivos como unha mera transacción na que o concepto de maternidade se disocia da xestación e do parto”
Publicado por o día 09/10/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

Ángeles Álvarez insta ao estado a poñer límites e prohibir de forma taxante o alugueiro de mulleres con fins reprodutivos

Ángeles Álvarez, activista feminista, experta en violencia de xénero e portavoz da RECAV (Red Estatal Contra el Alquiler de Vientres) centrou a súa conferencia na “Mercantilización reprodutiva do corpo das mulleres”, no marco da xornada da Deputación de Pontevedra na Escola de Igualdade “María Vinyals” no Castelo de Soutomaior. A feminista, presentada pola xornalista Salomé Soutelo, destacou na súa intervención que este feito trátase dun novo fronte na axenda feminista e instou ao Estado a poñer límites e prohibir de forma taxante o alugueiro de mulleres con fins reprodutivos.

Máis polo miúdo, Álvarez fixo fincapé na necesidade de anular a instrución do 5 de outubro de 2010 da Dirección Xeral de Rexistros e do Notariado, sobre réxime rexistral da filiación das/dos nacidas/nacidos mediante xestación por substitución. Así, a feminista reivindicou que “unha instrución do rexistro non pode contradicir a lexislación e temos moitos fiscales que están a poñer en cuestión este feito”.  Ao respecto, Álvarez anima a seguir “o modelo alemán, que debe ser a aposta en canto ao alugueiro de mulleres con fins reprodutivos”

Xunto a esta cuestión, Ángeles Álvarez tamén instou a considerar explicitamente na Lei de reprodución humana asistida (na que se recoñece que os contratos para o alugueiro de mulleres con fins reprodutivos son nulos de pleno dereito) a ilicitude do aluguer de mulleres e tipificalo como delito.  Amais, tamén cómpre, segundo a feminista, incluír como atentatorio da igualdade a publicidade relacionada co alugueiro de mulleres con fins reprodutivos e prohibir que se realice no territorio español calquera actividade de intermediación de servizos relacionados co aluguer de mulleres para a reprodución de seres humanos.

Tamén incidiu Ángeles Álvarez na importancia da linguaxe, “elemento clave da industria reprodutiva, que describe o aluguer de mulleres con fins reprodutivos como unha mera transacción na que o concepto de maternidade se disocia da xestación e do parto”. Neste eido, a conferenciante insistiu en que “ao igual que a industrialización da prostitución aspira a convencernos de que poñer a mulleres a disposición non é outra cousa que unha operación mercantil inocua, a industria reprodutiva describe o aluguer de mulleres como unha mera transacción. A través da linguaxe, os explotadores reprodutivos crean novos conceptos e terminoloxías para construír un escenario que borra todo rastro das mulleres que participan no proceso. Crean, deste xeito, unha nova realidade e unha confusión conceptual ilegal que busca romper todo vínculo con quen xesta e pare”.

Fronte a esta “creación de novos conceptos” que impón a industria reprodutiva, Ángeles Álvarez reivindicou a necesidade de “chamar ás cousas polo seu nome: a capacidade de xestar e levar un embarazo a término das mulleres non é unha técnica reprodutiva, estase a falar da lei do capitalismo abrazada firmemente co patriarcado, de que a maternidade debe entrar no comercio neoliberal”. Neste eido a feminista insistiu en que o embarazo e o parto “é un feito real e biolóxico, non unha técnica, e supoñer que o útero dunha muller, o embarazo, e o parto son técnicas reprodutivas está a deshumanizar as capacidades reprodutivas das mulleres asimilándoas a vexetais”. Ademais, e tamén relacionado co anterior, Álvarez apelou á epixenética, a investigacións que “poñen de manifesto que a futura nai, a muller embarazada, é capaz de modificar a xenética do seu fillo aínda que o material xenético non sexa seu. Ademais as células fetais tamén se transmiten á nai e perviven para sempre na muller e a cambian”.