Areeiro aconsella acompañar as intervencións antimildio cun tratamento fronte ao oídio

Advirten que a partires de agora a viña da provincia entra na fase máis crítica para a aparición e proliferación desta enfermidade
Publicado por o día 14/06/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

Areeiro aconsella acompañar as intervencións antimildio cun tratamento fronte ao oídio

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) aconsella no seu aviso fitosanitario semanal que, a partires de agora, calquera intervención antimildio que se faga nas viñas da provincia vaia acompañada dun produto fronte ao fungo do oídio. Os técnicos realizan esta recomendación despois de detectar novos síntomas da enfermidade en dúas follas dunha viña na que non se fixeran aínda tratamentos fronte ao fungo, e tamén nun acio “rebusco” dunha viña moi vigorosa onde a elevada masa foliar impedira a correcta  penetración dos produtos. Aínda que no resto de fincas de seguimento non se detectou, desde a EFA lembran que a partires de agora a viña da provincia entra nun dos momentos máis críticos en relación a esta enfermidade.

En relación ao mildio, e ante a posibilidade de precipitacións esta noite e nos primeiros días da vindeira semana,  sumada á previsión do aumento das temperaturas nocturnas, recomendan estar alerta naquelas viñas nas que estea a piques de cumprirse o prazo de protección dos anteriores tratamentos. A técnica Rosa Pérez indica que coa maioría das viñas dentro do período de protección dos produtos aplicados a semana pasada, non debería haber problemas serios naquelas nas que non houbo apenas síntomas ata agora, aínda que haberá que estar alerta onde aínda se observen síntomas non ben controlados. Lembra tamén que  se as temperaturas mínimas son compatibles con infeccións secundarias, será conveniente renovar a intervención o antes posible. Tamén fai recomendacións de carácter cultural para que naquelas fincas que haxa un exceso de vexetación que impida a boa penetración dos funxicidas, é conveniente facer labores de eliminación dos gromos non produtivos ou pouco produtivos, así como despuntes e mesmo xa algunha esfolla suave que expoña os acios aos tratamentos e facilite a súa aireación e insolación.

Por último, no relativo ao mildio, indica que se está a observar que nalgunha das viñas afectadas por esta enfermidade, ou nas que a enfermidade non está perfectamente controlada, son todas viñas que foran tratadas nalgunha ocasión nesta campaña en días con ventos incompatibles cunha boa protección, ou con maquinaria non ben calibrada e que, nesas circunstancias, os tratamentos non puideron frear a infección e os síntomas foron acumulándose desde entón.

Tamén no referente á viña, o aviso fitosanitario informa que se observaron picaduras en dúas follas dunha planta da comarca do Rosal, sospeitosas da aparición da acariose, que se confirmou posteriormente no laboratorio. Son os primeiros individuos desta praga na campaña, segundo os datos dos que dispón a EFA, polo que recomendan incrementar a vixilancia.

Nos demais cultivos, destaca o incremento do oídio  na cepa de carballo e no plátano de sombra, e en árbores froiteiras como a maceira e o marmeleiro. No caso no que se detecte que o número de follas afectadas é importante recomendan a aplicación de tratamento.

Comentar noticia

Your email address will not be published.