A Estación Fitopatolóxica Areeiro alerta de que agora é o momento de comezar a aplicar os tratamentos indicados contra a coñecida como a ‘praga do buxo’, antes de que se estenda totalmente e as aplicacións de insecticidas deixen de ser efectivas. O persoal técnico está recibindo neste momento unha auténtica avalancha de consultas por parte de persoas propietarias de xardíns de toda a provincia sobre como enfrontarse á Cydalima perspectalis, a bolboreta que ataca a planta en toda a totalidade, comezando polas follas, e da que xusto comezan neste momento a aparecer as primeiras eirugas que están saíndo da hibernación.
Desde a EFA lembran que o único medio de loita efectivo son as aplicacións insecticidas con produtos de orixe natural, entre os que citan o aceite de parafina, Bacillus thuringiensis ou azadiractina, ou de orixe sintética como os piretroides, iniciando os tratamentos tan pronto se detecten os primeiros síntomas e procurando mollar moi ben a totalidade da planta para alcanzar o maior número de eirugas posible. Tamén indican que hai que manter a vixilancia porque a bolboreta ten varias xeracións ao ano.
Dificultades na detección
O persoal técnico da EFA explica que hai que prestar moita atención ás plantas posto que en moitas ocasións o inicio do ataque pode pasar desapercibido. Desde a EFA teñen constatado que no inicio do ataque os síntomas non sempre se recoñecen porque parece que simplemente está secando a planta, polo que informan que as eirugas desta especie xuntan algunhas follas e dentro desa agrupación de follas –ou restos delas– van desenvolvéndose as bolboretas no interior de fíos de seda, semellante aos que forman as arañas cando tecen una tea. En ocasións tamén é habitual detectar as eirugas colgando deses fíos e non só nos buxos senón tamén en plantas ou obxectos próximos. A recomendación pasa por localizar as follas secas, agrupacións de follas ou aglomerados de fíos de seda, e nestas zonas confirmar a existencia de ditas eirugas. Tamén lembran que os tratamentos aplicados cando a praga xa está estendida e desenvolvida xa non son eficaces, de aí a necesidade de aplicalos no comezo do ataque.
Esta praga, que se detectara por primeira vez no sur da provincia de Pontevedra en maio de 2014, xa está totalmente estendida por toda a provincia. Ao longo do ano, a Cydalima perspectalis soe ter entre 2 e 4 xeracións, dependendo da climatoloxía. A aplicación dos tratamentos, de xeito minucioso en todo o buxo, consigue frear o avance das larvas e eirugas e evita que a planta quede totalmente defoliada. En circunstancias extremas, está constatado que canto máis crecen as eirugas máis dano producen, e que unha vez rematan coas follas, pasan a alimentarse da cortiza nova, o que impide que a planta sobreviva ao ataque.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.