Areeiro insiste na súa recomendación de revisar as viñas polo mildio e intervir de inmediato en caso necesario

O centro dependente da Deputación de Pontevedra lanzou un novo aviso fitosanitario extraordinario no que destaca que as condicións meteorolóxicas recentes e as previstas son moi favorables á frutificación do fungo e tamén á infección secundaria
Publicado por o día 29/05/2020 na sección de Deputación de Pontevedra

Areeiro insiste na súa recomendación de revisar as viñas polo mildio e intervir de inmediato en caso necesario

Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, acada de lanzar un aviso fitosanitario extraordinario no que insiste na súa recomendación ás persoas viticultoras para que vixíen de xeito exhaustivo as viñas polo mildio, xa que as condicións meteorolóxicas da última noite foron moi favorables á frutificación do fungo e tamén á infección secundaria debido a unhas temperaturas moi altas, a unha elevada humidade relativa e a varias horas de humidade foliar, en especial nas estacións do Salnés. Ademais, a EFA recibiu avisos da aparición de novos síntomas hoxe pese ás temperaturas tan elevadas dos últimos días.

Por este motivo, o persoal especialista de Areeiro, tendo en conta tamén que as previsións meteorolóxicas anuncian certa precipitación nos próximos días, incluso tormentas locais, recorda que é fundamental vixiar as viñas aínda que estean protexidas por un tratamento para intervir de inmediato en caso necesario, xa que os acios están nun período de elevada sensibilidade. Tamén debido á susceptibilidade da uva neste momento ao oídio, no caso de tratar as persoas viticultoras deben engadir un funxicida para o control deste patóxeno.