O vindeiro sábado 5 de outubro, ás 22h, chega ao Auditorio de Goián unha das pezas máis divertidas e sorprendentes da escena teatral: #camiños, de ButacaZero en coprodución co Centro Dramático Galego.
Quen somos os galegos e as galegas do século XXI? Como nos colocamos no mundo nós, que levamos sempre o móbil pegado á man e vivimos nun mundo globalizado? Que queda dos e das nosas devanceiras dentro da nosa sociedade? Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira son os creadores desta peza que nos leva de camiño a nós mesmos, ao que somos e ao que desexamos ser, ao que fomos un día e ao que un día, podemos chegar a ser.
Para tecer este mapa botaron man de todos os rexistros escénicos necesarios: coreografías, teatro físico, bufón, música, playback, pasarela, audiovisuais. Unha peza imbuída por un espírito millenial, que, ao igual que as redes sociais nas que adoitamos gastar o noso tempo, é un collage ecléctico que tenta explicar o noso mundo. Un aluvión escénico que pretende non deixar
a ninguén indiferente. Unha festa teatral na que celebrármonos pero tamén, reflexionármonos.
Tanta festa se xuntará no Auditorio de Goiáns que estarán presentes As churrascas, que levarán a escena “aDiosRíos_aDiosFontes”, o título do seu primeiro “hit” de música electrónica cos versos de Rosalía de Castro.
SINOPSE #camiños
Carolina viaxa de cara aos EEUU. Daiana, neta dunha emigrada galega, volve da Arxentina. Comparten asento no aeroporto. E entre elas, debúxanse milleiros e milleiros de #camiños. Camiños que unen as aldeas coa cidades, os poemas de Rosalía coa música electrónica, o spinning co churrasco, e as fotos viradas sepia coas que acabamos de colgar en ínstagram…
Camiños que unen o que fomos e o que desexamos ser.
TEXTO Esther F. Carrodeguas
DIRECCIÓN Xavier Castiñeira
ELENCO Noelia Blanco, Noa Covelo, Celina Fernández e Pia Nicoletti, Esther F. Carrodeguas
ESCENOGRAFÍA Xavier Castiñeira
VESTIARIO Diego Valeiras e ButacaZero
ASESORAMENTO CORPORAL Alba Blanco
ILUMINACIÓN Javi Quintana
AUDIOVISUAIS Fran X. Rodriguez
COPRODUTORES Centro Dramático Galego (CDG)
RESIDENCIA TÉCNICA SALÓN TEATRO Do 15 ao 23 de xaneiro de 2018
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.