Arrinca a nova oficina virtual tributaria do ORAL, “un paso máis para situarnos como administración referente na aposta polas novas tecnoloxías”

“Fai catro anos a relación da Deputación coas novas tecnoloxías era unha eiva moi importante polo que este goberno non deixou de dar pasos adiante”, asegurou Silva
Publicado por o día 12/02/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

Arrinca a nova oficina virtual tributaria do ORAL, “un paso máis para situarnos como administración referente na aposta polas novas tecnoloxías”

A Deputación de Pontevedra vén de poñer en marcha a nova oficina virtual tributaria do ORAL, o servizo provincial de recadación de tributos e ingresos, a través da que calquera persoa pode facer as súas tramitacións en liña, sempre e cando o seu concello teña delegada a súa xestión neste servizo provincial. “Damos un paso máis para situarnos na vangarda e como referente dunha Administración que aposta polas novas tecnoloxías e porque a relación entre administración e cidadanía sexa o máis doada e transparente posible”, sinalou a presidenta provincial, Carmela Silva, na presentación da nova oficina virtual tributaria, xunto a responsables do servizo. O acto tivo lugar hoxe nas oficinas do ORAL na cidade de Pontevedra.

Carmela Silva engadiu que cando chegou este Goberno provincial, “a relación entre Deputación e novas tecnoloxías era unha eiva importante e nós non deixamos de dar pasos adiante para ir avanzando e adaptándonos aos tempos que corren, nos que as persoas demandan cada vez máis servizos virtuais”. A presidenta amosouse moi satisfeita e orgullosa de que “con este Goberno chegou tamén a Administración electrónica á provincia de Pontevedra. Impulsamos unha nova web, moderna, accesible e transparente; deseñamos plans para dotar aos concellos das ferramentas máis avanzadas para facilitarlles o trato coa veciñanza; e agora impulsamos a oficina virtual do ORAL para facer máis doados os trámites”.

Á nova oficina virtual tributaria do ORAL pode accederse dende calquera sección da páxina Web da Deputación, www.depo.gal, xa que hai dispoñible un acceso directo na cabeceira da Web para poder velo facilmente. No novo espazo virtual, as usuarias e usuarios poden facer todos os trámites: pagar ou domiciliar recibos e liquidacións; presentar solicitudes, recursos e documentación; modificar datos fiscais; realizar autoliquidacións do imposto de vehículos; identificar á persoa condutora nunha sanción de tráfico; subscribirse a unha caixa de correo de notificacións electrónicas ou recibilas por correo e SMS; obter información de obxectos tributarios, expedientes ou embargos; e por último, obter duplicados de recibos. Con todo, a nova oficina virtual irá cambiando e modificándose a medida que se detectan novas necesidades, carencias ou que se vaian reclamando novos servizos, por parte dos concellos ou dos usuarios e usuarias.  Ademais desta nova oficina virtual tributaria, as oficinas físicas do ORAL seguirán estando activas para as persoas que prefiran facer os trámites de xeito presencial.

A presidenta provincial aproveitou a presentación de hoxe para agradecer o traballo realizado por todo o persoal do ORAL “polos servizos que lle prestan á cidadanía na provincia de Pontevedra. Sería imposible que os concellos de menos de 20.000 habitantes puidesen xestionar un servizo tan importante sen as ganas e o empeño destas traballadoras e traballadores, aos que sen dúbida ningunha lles temos que poñer de nota matrícula de honor”. Así mesmo, Silva louvou o traballo realizado polo persoal do servizo provincial de novas tecnoloxías, “grazas ao que estamos transformando a provincia de Pontevedra e acercando as novas tecnoloxías á xente para mellorar os servizos que prestamos”.

O ORAL é o servizo da Deputación encargado de realizar a xestión, inspección e recadación de tributos e outros ingresos de dereito público dos concellos que delegan as súas competencias na institución provincial. Encárgase tamén dos trámites e xestións relacionados coa competencia sancionadora que lle sexa delegada, especialmente no relativo ás multas de tráfico. Os servizos que se ofrecen no ORAL abranguen a información ás persoas contribuíntes, tramitación de expedientes, emisión de documentación, tramitación de expedientes catastrais e asesoramento sobre recursos e comparecencias presentados no Catastro.

Ao ser un servizo centralizado, calquera persoa pode facer un trámite relativo a calquera concello da provincia en calquera das súas 14 oficinas: Pontevedra, Caldas, Cambados, Cangas, A Estrada, Lalín, Moaña, Nigrán, Ponteareas, O Porriño, Sanxenxo, Tui, Vigo e Vilanova de Arousa. Disponse ademais de 9 puntos de atención que funcionan un ou dous días á semana en Arbo, Bueu, A Cañiza, Crecente, Covelo, As Neves, Ponte Caldelas, O Rosal e Tomiño.