Arte para rememorar a traxectoria editorial do Centro de Estudos Fotográficos

Comisariada polo docente Manuel Sendón e Xosé Luis Suárez
Por o 06/02/2019 | Sección: Galicia,Pontevedra,Universidade de Vigo
Arte para rememorar a traxectoria editorial do Centro de Estudos Fotográficos
Compartir en:

En 2016, despois de ter editado 44 libros, dedicados tanto a fotógrafos históricos galegos coma contemporáneos, o Centro de Estudos Fotográficos (CEF) que coordinan Xosé Luis Suárez Canal e o profesor da Facultade de Belas Artes Manuel Sendón puxo fin á súa actividade editorial. Por aquel entón, recoñece Sendón, xurdiu a intención de “facer un velorio” para despedir esta etapa, idea que co paso do tempo tornouse na dun cabodano, “no que a dor do velorio vaise transformando en memoria”. Foi así como xurdiu Cabodano do traballo editorial no Centro de Estudos Fotográficos, a exposición que este mércores se inaugura na sala de exposicións do Teatro Afundación de Vigo e para a que Sendón e Suárez convidaron a tres artistas a realizar unha serie de pezas específicas tomando como punto de partida os propios libros publicados polo CEF; a tamén profesora de Belas Artes Ana Soler, o egresado desta facultade Fran Herbello e o Premio Nacional de Fotografía Joan Fontcuberta.

Producida por Afundación, a exposición que abre as súas portas esta tarde ás 20.00 horas e que poderá visitarse ata o 6 de abril, foi presentada nesta xornada en rolda de prensa por Sendón, Suárez Canal, Soler, Herbello e a coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela. “Queríamos que non fora unha exposición clásica e como no CEF sempre defendemos a importancia da produción de proxectos, convidamos a tres artistas a que fixeran obra”, explica Sendón, arredor dun territorio “que neste caso é o conxunto de libros editados” polo centro. Libros que se converten no punto de partida dunha mostra vinculada ás ideas de “memoria, morte e fin de ciclo, pero tamén de futuro”, explica, e na convidan as e aos visitantes a levar un dos libros editados polo CEF, que, por outra banda, forran tamén as paredes desta sala de exposición. Nun dos casos, con páxinas saídas da colección Álbum, xurdida en 1989 e que rematou centrándose en fotógrafos históricos galegos, e noutra con volumes que formaban parte da colección de fotografía contemporánea Do trinque, “na que se publicaron libros de fotógrafos moi coñecidos a nivel internacional e tamén de artistas galegos, a maioría deles procedentes da Facultade de Belas Artes”, lembra Sendón, como Victoria Diehl, o propio Herbello, Marcos Vilariño, Chas ou Andrea Costas.

Máis de 10.000 páxinas suspendidas no aire

Co propósito de “celebrar a morte, o cese da actividade” da liña editorial do CEF, pero tamén para recrear “simbolicamente a metáfora da morte da cultura”, a artista e investigadora do grupo dx5 de Belas Artes Ana Soler empregou centos de exemplares dos libros editados polo CEF para dar forma a A voz da túa alma, unha instalación que preside un ataúde cheo de libros e sobre o que colgan no aire máis de 10.000 páxinas. “Son pregos que saen voando cara a porta como se foran unha banda de paxaros, de almas”, salienta Soler dunha instalación que busca incidir en que, pese a final desta actividade, “a memoria seguirá presente”. De feito, a disposición desta instalación busca levar o espectador “por un certo percorrido e achegarse cara ao ataúde”, cara un féretro que presenta un interior cheo de libros, respondendo así a ese propósito de que o público leve un dos libros editados, que “teña que meter a man no ataúde para levarse ese anaco de memoria”.

“Celébrase a morte, pero tamén un pouco a vida futura”, engade Soler que suma a esta instalación unha segunda obra, Memorias de cantos, ausencias de cuerpo, que realizou cos lombos dos libros que foron cortados para esta mostra e cos que debuxa unha “constelación flotante” coa que reflicte como “non se pode establecer unha relación profunda coa memoria sen coñecer e poñerlle nomes ás cousas”. UA mostra complétase así mesmo coa serie de fotografías E agora que…, na que Herbello outorga usos diversos aos libros do CEF e coas imaxes coas que Fontcuberta propón un diálogo entre a produción editorial do CEF e a primeira fotografía de libros, un calotipo de Fox Talbot incluído á súa vez no primeiro libro de fotografía, así como pola proposta dos propios comisarios, Panel de vida, na que amosan documentos antigos, cadernos e fotografías que forman parte da historia do CEF. A exposición verase complementada, por outra banda, por unhas xornadas sobre libros de fotografía os días 4 e 5 de abril, “nas que ademais de analizar a nosa experiencia abordarase a situación actual”, explica Sendón.

Comentar noticia

Your email address will not be published.