O proxecto “Camiño a dentro” segue a súa andaina pola provincia de Pontevedra para pór en valor o Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa tras a súa estrea onte en Baiona. A segunda acción do programa promovido pola Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia a través de “O teu Xacobeo” terá lugar esta tarde, ás 18:30 horas no exterior da Casa da Torre de Redondela, cunha acción poética con música en vivo da man de Carmen Quinteiro. Mañá celebrarase un novo evento en Caldas de Reis, onde Ruth Montiel invitará o público que acuda ao Xardín Botánico a colaborar na creación dunha instalación artística que será presentada ás 18:00 horas.
“Camiño a dentro” ten como obxectivo principal promocionar o Camiño desde unha perspectiva contemporánea con intervencións protagonizadas por dez mulleres artistas de recoñecida traxectoria. Os eventos inclúen desde poesía, música e teatro, ata fotografía, videocreación, ilustración e instalación. A través destas obras búscase afondar na relación entre Camiño e territorio, así como propiciar a interacción entre a veciñanza e as persoas peregrinas e recoñecer o traballo das mulleres no mundo da arte.
Dores Tembrás inaugurou o programa o xoves cunha acción poética nos xardíns da Casa da Navegación de Baiona. Tras recalar hoxe en Redondela e mañá en Caldas de Reis, “Camiño a dentro” fará o próximo xoves escala no Porriño, cunha acción musical de percusión a cargo do grupo.
Oia, A Guarda, Pontevedra, Nigrán, Tui e Soutomaior completarán as paradas deste proxecto que conta coa participación das artistas Dores Tembrás, Carmen Quinteiro, Ruth Montiel, o grupo Dúas (formado por Sabela Caridad e Marta Figueiredo), María Meijide, Inherente Teatro (integrado por Noelia Blanco, Celina Fernández e Pía Nicoletti), Lucía Loren, Carla Andrade, Nastasia Zürcher e Helen Bertels. A iniciativa está comisariada por Paula Cabaleiro, coordinadora tamén do programa “Mulleres en acción.Violencia zero” da Deputación de Pontevedra.
O Camiño Portugués é a segunda ruta xacobea máis transitada de cantas conducen a Santiago de Compostela, con máis de 67.800 peregrinas e peregrinos en 2018 e en aumento constante nos últimos anos. O Camiño pola Costa, que cruza todo o litoral desde A Guarda ata Redondela, tamén rexistra un progresivo incremento de persoas, con 13.638 en 2018. Así, as dúas rutas vencelladas ao país veciño superan as 81.500 persoas ao ano en tránsito pertencentes a un grande abano de nacionalidades.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.