As bibliotecas conmemoran en novembro o mes da ciencia en galego con actividades para todos os públicos

A programación, promovida polas consellerías de Cultura e Educación a través das bibliotecas centrais territoriais e escolares e do labor dos equipos de dinamización da lingua galega inclúe espectáculos de maxia, contacontos, charlas e obradoiros
Publicado por o día 01/11/2018 na sección de Cultura

As bibliotecas conmemoran en novembro o mes da ciencia en galego con actividades para todos os públicos

A Consellería de Cultura e Turismo, en colaboración coa de Educación, Universidade e Formación Profesional, promove a celebración do mes da ciencia en galego cunha completa programación de actividades ao longo de todo novembro dirixida á posta en valor das bibliotecas e mais do seu papel impulsor da creación e da divulgación científicas na lingua propia de Galicia.

Os secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo; e o profesor titular de Bioloxía da Universidade de Vigo Luis Navarro –autor do texto conmemorativo deste ano– foron os encargados de presentar o programa, nunha rolda de prensa que tivo lugar hoxe na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago.

O director xeral de Políticas Culturais lembrou a importancia da divulgación social do coñecemento científico, así como de achegar a ciencia a todos os ámbitos da vida. Neste sentido, explicou que as bibliotecas centrais territoriais xogan un papel fundamental neste obxectivo, posto que, a través desta programación, ofrecen actividades variadas para todos os públicos.

Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, animou a todos os profesionais do ámbito científico “a desenvolver a comunicación, o ensino e a aprendizaxe científica desde a lingua galega poñendo sempre en valor as figuras dos referentes galegos neste eido”. García Gómez recordou que “neste 2018 no que ‘A cultura científica e a cultura galega como patrimonio cultural europeo’ centran (no marco do Ano Europeo do Patrimonio Cultural) as actividades impulsadas por Igaciencia; o Mestre Mateo, arquitecto do Pórtico da Gloria, é a figura galega homenaxeada, ao pé de Arquímedes”.

Ciclo de actividades dedicadas á astronomía

Proxeccións audiovisuais, obradoiros de diversas temáticas para experimentar, espectáculos de maxia, contacontos, mostras bibliográficas, documentais, exposicións, conferencias, un ciclo de actividades dedicadas á astronomía, repositorios con materiais relacionados coa ciencia en galego e proxectos de investigación son algunhas das propostas que se desenvolverán nas bibliotecas públicas de Lugo e de Ourense, na Biblioteca de Galicia, na Biblioteca Juan Compañel de Vigo, na Antonio

Odriozola de Pontevedra, na Miguel González Garcés da Coruña e na Ánxel Casal de Santiago.

Ademais, tamén se organizarán actividades nos centros de ensino a través das bibliotecas escolares –promovidas pola Asesoría de Bibliotecas Escolares da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos– e do labor que levan a cabo os equipos de dinamización da lingua galega para sumárense, desde o ensino, á conmemoración do Día da Ciencia en Galego.

A programación completa pode consultarse no seguinte enlace http://www.lingua.gal/c/document_library/get_file?folderId=1647062&name=DLFE-17911.pdf.

Como cada ano, a Secretaría Xeral de Política Lingüística divulga desde o Portal da Lingua Galega, en www.lingua.gal, as mellores prácticas e recursos elaborados polos equipos de dinamización da lingua galega.