As campañas sustentables da Deputación para o control da acacia e o impulso ao cultivo de froitos de bosque chegan a Forcarei e Catoira

A institución provincial está a desenvolver esta iniciativa en colaboración coa Federación Galega de Medio Ambiente e a Asociación Sectorial Forestal Galega
Publicado por o día 04/09/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

As campañas sustentables da Deputación para o control da acacia e o impulso ao cultivo de froitos de bosque chegan a Forcarei e Catoira

Enmarcadas nas políticas de sustentabilidade e medio ambiente, cara a transición ecolóxica, as campañas que a Deputación de Pontevedra está a desenvolver en colaboración coa Federación Galega de Medio Ambiente (FEGAMA) e a Asociación Sectorial Forestal Galega (ASEFOGA) para o control da mimosa (acacia dealbata L.) e a promoción do cultivo dos froitos de bosque chegarán esta semana aos concellos de Forcarei e Catoira.

Deste xeito, o posto informativo das campañas instalarase este xoves 5 de setembro, na praza do Concello de Forcarei (entre as 10 e as 14 horas) e o venres 6, no mesmo horario, na rúa do Concello de Catoira. Os deputados provinciais Iria Lamas e Manuel González visitarán ámbolos dous días os stand, onde o persoal dos postos ofrecerá ao público atención especializada e repartirá dípticos e información relevante sobre estes temas, que tamén se pode visualizar nos paneis informativos. Ademais, o programa inclúe dúas xornadas técnicas impartidas por profesionais do sector.

A Deputación dedica 37.000 euros ao convenio con FEGAMA para a sensibilización contra a acacia. O obxectivo é non só informar á poboación sobre os efectos das especies exóticas invasoras na biodiversidade, servizos, ecosistemas, infraestruturas e a saúde, senón tamén espertar o interese a propietarios forestais particulares e das Comunidades de Montes en Man Común para a prevención e control desta especie. A acacia dealbata L., coñecida como mimosa, acacia ou acacia francesa, é unha ameaza para os ecosistemas, hábitats e especies, especialmente na provincia pontevedresa. A árbore transforma o hábitat con gran rapidez, impedindo a rexeneración da vexetación natural destruída, sobre todo despois dos incendios forestais.

No que atinxe ao convenio con ASEFOGA, a iniciativa tenta impulsar o cultivo sustentable dos froitos do bosque en terras abandonadas. A Deputación destina 36.000 euros a promover o cultivo sustentable, mellorar o coñecemento dos froitos do bosque (moras, arandos ou framboesas) e facer fincapé na importancia ambiental da recuperación das parcelas agrícolas e forestais en desuso.

Este programa está dirixido ás persoas emprendedoras do sector agroforestal e tamén á poboación en xeral, tanto á que reside no medio urbano como no medio rural, posto que o aproveitamento agrario do solo é unha estratexia valiosa contra os incendios, mellora a calidade da paisaxe, a riqueza de especies animais e vexetais, ao mesmo tempo que fomenta a creación de emprego no rural.