40 académicas e académicos, procedentes de universidades de España, Francia, Reino Unido, Bélxica, Romanía e Venezuela, especializados en diversos aspectos da regulación do Dereito do Mar, participan hoxe en mañá no Museo de Mar en Vigo nas IV Xornadas Internacionais Redexmar. Baixo o título Estratexia Blue Growth e o Dereito do Mar, as e os especialistas en Dereito Internacional Público, Dereito Internacional Privado e Dereito do Traballo e da Seguridade Social, abordarán “diversos tópicos relativos ao Dereito do Mar no contexto da estratexia da Unión Europea de Crecemento Azul”, explica o catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo e membro do comité organizador Jaime Cabeza.
O traballo marítimo, as actividades comerciais e Dereito do Mar; a regulación de recursos marítimos; os problemas rexionais na regulación marítima e os retos actuais nos sectores marítimo e pesqueiro, son as cuestións que desde hoxe e ata mañá venres se abordarán nas xornadas, “temáticas que obedecen ao desenvolvemento das liñas estratéxicas de Crecemento Azul, á aprobación de novas directivas europeas e á aplicación de varios convenios da Organización Internacional do Traballo, así como a cuestión dos conflitos rexionais no sector pesqueiro, que é un dos problemas más salientables do Dereito do Mar”, detalla Cabeza.
De entre as e os poñentes que estes dous días participarán nas sesións, o catedrático da Universidade de Vigo destaca a Jo Carby-Hall, “un dos expertos nas consecuencias do Brexit no sector marítimo e pesqueiro” e tamén a Filip Dorsemont “un especialista belga no Dereito Social da UE, no que atinxe ás condicións de traballo dos mariñeiros e por suposto José Manuel Sobrino Heredia, gran coñecedor do Dereito Internacional do Mar”.
A consolidación dunha idea, froito do traballo conxunto
Os grupos de investigación DT1 e Medea Iuris da Universidade de Vigo; Cadie da Universidade de A Coruña e De Conflictu Legum da Universidade de Santiago de Compostela conforman a Rede de Excelencia de Estudos Xurídico- Marítimos, Redexmar, na que “a internacionalización e a excelencia son os sinais de identidade”, asegura Cabeza, para quen a celebración das xornadas internacionais “implica a consolidación dunha idea que comezamos hai anos de traballo conxunto de varios grupos de investigación de universidades galegas, procedentes de diversos campos do Dereito”.
Ademais da organización das xornadas que se celebran estes días en Vigo, Redexmar desenvolve outra actividades como a organización de seminarios, como o celebrado hai dúas semanas, centrado na protección de persoas vulnerables na contorna mariña ou a xornada que terá lugar en novembro sobre condicións de traballo no mar. .
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.