As luces da cultura xa están acesas en Príncipe

Unha exposición para dar luz a cultura viguesa
Publicado por o día 06/11/2019 na sección de Galicia,Vigo

As luces da cultura xa están acesas en Príncipe

O martes, a equipa da revista A Movida acenderon ‘As outras luces de Vigo’, unha exposición para dar luz a cultura viguesa. Tony Lomba foi o encargado de conducir o gran evento de acendido das luces e o fixo acompañado da maior parte dos artistas retratados: Antonio Durán ‘Morris’, Ledicia Costas, María Xosé Queizán, Patricia Moon, Xosé Luís Méndez Ferrín, Eladio Santos, Silvia Penas, Lupita Hard e Kaixo. Non puideron asistir ao acto, pero tamén aparecen nas fotografías Marta Larralde, Julián Hernández e Silvia Superstar.

Eles son as verdadeiras luces de Vigo. E non só eles, pois esta é unha pequenísima escolma de todo o talento que hai na nosa cidade. É importante que nos sintamos orgullosos de todo o que aquí se fai, porque co seu traballo contribúen a facer crecer o noso patrimonio cultural.

O obxectivo de A Movida, desde o seu nacemento, é o de dar luz a cultura. O fan desde o inicio a través dunha web e revista en papel. Con esta mostra queren achegala a rúa dunha forma aínda máis visual. As fotografías tomadas por Pablo Vázquez, que tamén están recollidas na revista en papel de novembro, poden verse en Príncipe (diante do museo MARCO) ata o domingo día 10.

Todo isto non tería sido posible sen o apoio de moita xente. Desde a revista A Movida queren dar as grazas a Xenera por axudarlles a iluminar a cultura, a Escola de Fotografía Zona 5 e a Yago Iglesias Fotografía por cederles os seus estudios fotográficos e, por suposto, a todos os artistas que se implicaron por poñer cara a sua reivindicación; a eles, que brillan con luz propia, grazas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.