As oficinas SmartPeme da área de Vigo, situadas nos concellos de Ponteareas, O Porriño e Vigo, acollerán ata finais deste mes de xaneiro novos obradoiros ao abeiro do programa “SmartPeme” da Deputación de Pontevedra. “SmartPeme” oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.
As quendas na oficina de Vigo terán lugar o martes 23 de xaneiro, co curso “Deseña sinxelamente imaxes abraiantes e profesionais”. A mesma semana, o venres 26 de xaneiro, Vigo acollerá o obradoiro “Woocommerce II-A solución para vender por internet”. Por último, o martes 30 de xaneiro, as persoas interesadas poderán asistir ao obradoiro de “Aprende a promocionar a túa empresa con Pinterest”. A oficina “SmartPeme” de Vigo, na Sede da Deputación da cidade, atópase na rúa Oporto, núm. 3. Os catro obradoiros comezarán ás 19 horas.
Pola súa banda, a oficina de Ponteareas acollerá o venres 26 de xaneiro o curso “O ámbito das novas tecnoloxías e RRSS no sector turístico”. O mércores 31 de xaneiro, terá lugar o obradoiro “Colabora co teu equipo dun xeito máis sinxelo”. A oficina “SmartPeme” de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, núm. 5. Todos os cursos tamén comezarán ás 19 horas.
Por último, a oficina do Porriño acollerá o martes 23 de xaneiro “Ferramentas de google para a promoción de negocios locais” e para rematar, o luns 29, o obradoiro “Mide os teus obxectivos en redes sociais: Análise de estatísticas”. A oficina “SmartPeme” do Porriño, no Multicentro do concello, atópase na rúa Ribeira, s/n.
A inscrición para estes cursos se pode facer a través do número de teléfono 886 202 020, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es
Lembramos que o novo proxecto “SmartPeme”, en palabras da presidenta da Deputación, Carmela Silva, “é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos”. Para isto, nas oficinas de SmartPeme no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo hai itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores e emprendedoras, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as pemes e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.