O Foro Económico de Galicia, coordinados polo Grupo Gen da Universidade de Vigo, fixo público este martes un documento no que analiza as repercusión financeiras que tivo en Galicia a reestruturación bancaria. O informe recolle os temas e conclusións da IX Reunión Anual do Foro Económico de Galicia celebrada o pasado mes de abril e nel apúntanse cuestións como que as provincias galegas encabezan o aumento da concentración bancaria en España.
O documento está asinado por Joaquín Maudos, catedrático de Análise Económica na Universitat de València e director adxunto de investigación do Instituto Valenciano de Investigaciones Económicas, que participou en dita reunión. Nesta análise, que leva por título O impacto da reestruturación bancaria sobre a concentración e exclusión financeira en Galicia, Maudos pon de manifesto que a crise económica tivo un intenso impacto negativo no sector bancario español en xeral e no galego en particular.
Este impacto, recalcan en nota de prensa desde o Foro Económico de Galicia, “evidenciou as debilidades que acumulara nos anos de expansión e de xeración dunha burbulla inmobiliaria alimentada por un excesivo crecemento do crédito”. O impacto na concentración foi, indican, “moi intenso, dada a drástica caída no número de competidores por fusións-absorcións que tiveron lugar”.
“España destaca no contexto europeo por ser un dos países nos que máis aumentou a concentración. Con todo, a pesar do aumento, o nivel actual é moderado e moi afastado de valores preocupantes desde o punto de vista da competencia”, sinalan desde a entidade, que pon o aceno en como “os datos agregados no ámbito nacional enmascaran enormes diferenzas no ámbito provincial”.
Da exclusión tecnolóxica á financeira
Polo que se refire ás súas repercusións en Galicia, as provincias galegas encabezan segundo este documento o ránking de maior aumento da concentración tras o último movemento corporativo protagonizado pola absorción do Banco Popular por parte do Banco Santander. Esta circunstancia viría, segundo explican desde o Foro Económico, motivada pola elevada cota de mercado que xa tiña o Banco Popular (a través do Pastor) nas provincias galegas.
Outra consecuencia do proceso de reestruturación bancaria en Galicia recollido na análise feita pública este martes é como “a poboación que reside en municipios sen oficina pasou do 1,5% en 2008 ao 2,3% en 2016, sendo este incremento maior ao experimentado a nivel nacional (2%-2,7%). Porén, a porcentaxe de poboación financeiramente excluída sitúase en Galicia por baixo da media nacional”.
Segundo recolle o documento, “é altamente probable que continúe producíndose o peche de oficinas e, por tanto, siga á alza a porcentaxe de poboación residente en municipios que carecen de oficina”. Para contrarrestar isto, apúntase como alternativa o avance da banca on line. Neste senso, desde o Foro Económico indican como “resulta importante incidir no importante papel a xogar polo sector público este contexto, tendo en conta que a exclusión financeira debe de considerarse como un problema social”. Así, a conclusión final do documento recalca que “a exclusión tecnolóxica pode levar á financeira. Por iso, as administracións públicas deben erradicala asegurando que Internet chegue a todo o territorio”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.