ASSEII e Benestar Social agardan a participación de máis de 350 persoas na V Brincadeira en Familia

As actividades de lecer inclusivo terán lugar este sábado no Pontillón do Castro e contan coa implicación de diversos colectivos
Publicado por o día 12/09/2019 na sección de Galicia,Pontevedra

ASSEII e Benestar Social agardan a participación de máis de 350 persoas na V Brincadeira en Familia

As instalacións da Federación Galega de Piragüismo no Pontillón do Castro (Verducido) serán este sábado esceario da V edición da Brincadeira en Familia, unha iniciativa de lecer inclusivo organizada pola Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais e Ostomizados (ASSEII) coa colaboración da Concellería de Benestar Social do Concello de Pontevedra. O evento foi presentado hoxe na Praza de España nun acto no que participaron a responsable do departamento municipal, a socialista Paloma Castro; os membros de ASSEII Cintia Loira, Víctor Loira, Ángela Paz, Carlos Cao, Cristina Gómez e Lara de Saa; Mar García, de Risotadas; José Tellería, presidente do clube Waterpolo Pontevedra; Sergio Martínez, de Viejo Lobo School, e Juan Carlos Valles, de Pontepedal.

Tal e como explicou a presidenta de ASSEII, Ángela Paz, Brincadeira en Familia busca a visibilización e o recoñecemento social das persoas afectadas polas patoloxías do Crohn e a Colite Ulcerosa e ostomizad@s, a través dun programa de actividades “en familia e para as familias, totalmente abertas, participativas e integradoras”. Segundo salientou, a iniciativa púxose en marcha en 2015 cunha participación de 134 persoas e sete monitores e “o ano pasado acadou unha asistencia de 359 persoas e 25 monitores voluntarios”, contando tamén con afectados por diabetes, parálise cerebral, síndrome de Down, celíacos, pernas inquietas, ELA, o equipo de Discamino e do proxecto Rodando.

A concelleira de Benestar Social agarda que esta elevada participación se poida repetir “ou mesmo incrementarse” nesta quinta edición, que se desenvolverá en horario de 11.30 a 20.00 horas. No programa de actividades inclúense autovaciables, colchonetas inchables, waterpolo, skate, un roteiro de sendeirismo, karts, xogos populares, obradoiros de chapas, animación e maquillaxe, unha xincana acuática e un café-coloquio sobre ‘Deporte adaptado e lecer inclusivo’.

Ángela Paz lembrou que o custo da entrada é de 2,50 euros para maiores de 12 anos e que todos aqueles interesados en inscribirse poden facelo a través do correo ‘digestivo.pontevedra@gmail.com‘ ou do teléfono 698 191 366. “É necesario levar a comida, a merenda, unha manta para comer de campo, un parasol, calzado pechado para auga, traxe de baño, roupa para mudarse, toalla, gorra, crema protectora e gañas de pasalo ben”, subliñou a presidenta de ASSEII.

A V Brincadeira en Familia conta coa colaboración, entre outros, da Federación Galega de Piragüismo, o Clube Piragüismo de Verducido, o colectivo La Ela Existe, a Asociación de Amigos de Pontevedra (Asampo), o Clube Waterpolo Pontevedra, Pontepedal, Asociación Paspallás, Piragüismo Ciudad de Pontevedra, Piragüismo Vilaboa, Febre Mediterránea Familiar, Risotadas, a Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares, Voando Drone e o Club Ciclista Farto.