Augas de Galicia trasládalle ao Ministerio para a Transición Ecolóxica que os desmantelamentos na central térmica das Pontes poden causar impactos significativos nos ríos da contorna

O organismo hidráulico autonómico tamén solicita neste informe o incremento dos controis da calidade das augas superficiais e subterráneas nesta contorna
Publicado por o día 05/01/2021 na sección de Medio Ambiente

Augas de Galicia trasládalle ao Ministerio para a Transición Ecolóxica que os desmantelamentos na central térmica das Pontes poden causar impactos significativos nos ríos da contorna

Augas de Galicia vén de trasladarlle ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que os desmantelamentos proxectados na central térmica das Pontes poden causar impactos significativos nos ríos da contorna.

A Xunta vén de emitir o informe solicitado pola Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental do citado Ministerio en relación ao proxecto de desmantelamentos previstos na central termoeléctrica das Pontes, coa fin de sometelo ao trámite de avaliación de impacto ambiental.

Augas de Galicia detalla que o ámbito da actuación se atopa afectado polas zonas de servidume e policía de varias canles, polo que cómpre incluír na documentación un plano onde se representen estas áreas sobre as superficies do proxecto coa fin de acadar unha idónea delimitación das afeccións.

O ámbito da actuación tamén está afectado polas Áreas de Risco Potencial Significativo de Inundacións delimitadas por Augas de Galicia para os ríos Eume e Maciñeira.

Neste sentido, a Xunta esíxelle ao promotor das actuacións a presentación dun estudo hidráulico que acredite o cumprimento dos condicionantes para autorizar os traballos nestas zonas.

A Xunta tamén solicita neste informe o incremento dos controis da calidade das augas superficiais e subterráneas nesta contorna.