Augaventura volve esta primavera cunha programación acuática do máis variada

Terá lugar entre os meses de marzo e maio
Publicado por o día 03/02/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Augaventura volve esta primavera cunha programación acuática do máis variada

Din os refraneiros que “en abril augas mil”, e non van moi desencamiñados, aínda que neste caso a auga non se presenta en forma de choiva senón que será o fío condutor de sete actividades acuáticas organizadas pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo. Descenso de rápidos, unha ruta á illa de San Simón con kayak, unha andaina e snorkel, clases de surf, windsurf, mergullo, flyboard e wakeboard son as actividades propostas para a comunidade universitaria e para persoas alleas a ela, dentro do programa Augaventura, coa finalidade de achegar aos participantes á práctica de actividades acuáticas que requiren de material custoso e especializado.

Augaventura Primavera 2020 dará comezo o vindeiro 27 de marzo cun descenso de rápidos no río Miño, en Arbo. A actividade, que como todas as demais se dividirá en dous grupos, terá un custo de 15€ para persoas pertencentes á comunidade universitaria e familiares, 22.5€ para persoas tituladas pola Universidade de Vigo e 30€ para persoas alleas a ela. A maiores, aquelas persoas pertencentes á comunidade universitaria que dispoñan do Abono Muver contarán cun 20% de desconto en tódalas actividades.

De finais de marzo a principios de maio

A seguinte aventura dará comezo o 28 de marzo e consistirá nunha ruta pola Illa de San Simón que inclúe unha travesía en kayak, seguida dunha andaina pola illa e finalizando cun mergullo de superficie (snorkel) nos illotes de San Bartolomé e San Norberto. Pola súa banda, ter un bo equilibrio é a clave para o “bautismo de surf”, que chega o día 29 de marzo e terá lugar na praia de Patos da man da escola Prado Surf. O mes de marzo finaliza cunha clase de windsurf en colaboración coa escola Tierra y Mar e terá lugar no Liceo Marítimo de Bouzas.

Comezará o mes de abril cun mergullo na piscina universitaria e nas Illas Cíes, se o tempo o permite. A penúltima actividade de Augaventura Primavera 2020 será unha sesión de flyboard no Liceo Marítimo de Bouzas. Por último, realizarase unha sesión de wakeboard, tamén no Liceo. Aínda que esta última actividade terá lugar o día 19 de abril, debido a que cada unha delas contará con dous grupos, as actividades seguiranse desenvolvendo ata o vindeiro día 10 de maio.

As prescricións poden facerse a través da páxina web www.deportes.uvigo.es .Unha vez acadado o número mínimo de participantes para a realización da actividade as persoas inscritas recibirán un correo para facer a confirmación da reservar e realizar o pagamento nun máximo de 48 horas, ben sexa na propia páxina web ou en entidades bancarias colaboradoras.