Aumentan os casos de COVID-19 nas áreas de Santiago, Vigo e Pontevedra

Os cribados masivos fan caer a positividade por debaixo do 4%
Publicado por o día 15/12/2020 na sección de Coronavirus,Galicia,Salud,Sanidad

Aumentan os casos de COVID-19 nas áreas de Santiago, Vigo e Pontevedra

Nova xornada de suba de casos activos. Galicia ten 5.598 persoas con coronavirus, segundo os datos do Sergas consolidados onte ás 18:00, 38 máis ca onte. Houbo 275 novos contaxios, 227 confirmados por proba PCR.

Aumenta lixeiramente a presión asistencial

O número de persoas hospitalizadas varía lixeiramente respecto a onte: hai 375 persoas ingresadas, 319 en planta (+9) e 56 nas UCI (+1). Un aumento que, xunto ao de onte, muda unha tendencia favorable de alivio nas últimas semanas, logo dun novembro cunha media de persoas nas UCI por riba dos 100.

Por desgraza, o número de vítimas no país nesta pandemia segue en aumento. Onte o Sergas notificou sete falecementos, polo que o número de galegas e galegos finados por mor do coronavirus ascende a 1.319.

A positividade media baixa do 4 %

As probas PCR notificadas polo Sergas son semellantes ás de onte 8.032 probas (-8). Un número elevado se o comparamos coas cifras do último mes. O motivo está nos múltiples cribados masivos en varios concellos do país cunha asistencia superior ao 75 % na maioría dos casos.

Curiosamente, este é o primeiro martes desta segunda vaga en que as probas PCR notificadas non caen de xeito considerable respecto ao resto da semana.

Porén, delas, só deron positivo 227, o que revela unha taxa de positividade cae ata un 2,87 %, a máis baixa dende que existen datos oficiais sobre positividade das PCR.

No que respecta á taxa positividade media dos últimos sete días, esta baixa por pouco do 4 % e queda no 3,99 %. É practicamente un punto por debaixo do limiar máximo que recomenda a OMS para dar por controlada unha pandemia (5 %).

Por áreas sanitarias a repartición sería

• Vigo: 1.329 (+25)

• A Coruña: 929 (-26)

• Pontevedra: 867 (+19)

• Santiago: 1.005 (+53)

• Ferrol: 562 (-1)

• Lugo: 470 (-16)

• Ourense: 436 (-16)

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

TOTAL GALICIA
DENTRO DO TOTAL, VINCULADOS CON CENTROS RESIDENCIAIS
NÚMERO DE CASOS
5.598
                234 usuarios
                162 profesionais
FALECEMENTOS
1.319

                232 en residencias

                326 en hospitais e residencias integradas

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

 

CASOS VINCULADOS A ESCOLAS INFANTÍS E CENTROS EDUCATIVOS

 
 
TOTAL GALICIA

 NÚMERO DE POSITIVOS

902

 AULAS PECHADAS

67

 CENTROS PECHADOS

4

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Casos, os propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.