Avante LGBT lanza unha campaña en redes para pedir que “Elisa e Marcela” sexa distribuído en lingua galega

Publicado por o día 11/02/2019 na sección de Cultura

Avante LGBT lanza unha campaña en redes para pedir que “Elisa e Marcela” sexa distribuído en lingua galega

Coincidindo ca pre-estrea do biopic dirixido por Isabel Coixet e producido por Netflix “Elisa e Marcela” no recoñecido festival de cine de Berlin, o Berlinale, a organización Avante LGBT lanza unha campaña en redes para pedir que este filme sexa distribuído en lingua galega na plataforma de streaming de Netflix. A campaña consiste nunha petición de Change.org que xa pasa das 1000 sinaturas que está a ser apoiada por persoas do mundo da cultura mediante mensaxes en vídeoCóntase co apoio de grupos de música como NAO, Leilía ou SonDaRúa, poetas como Carlos Lixó e Arancha Nogueira, e do mundo audiovisual como o director Lázaro Louzao ou a compañía de teatro “A Panadaría”, así como por organizacións como Nós Mesmas ou a Mesa pola Normalización Lingüística.

Desde o colectivo defenden que é especialmente necesario dispoñer da longametraxe en galego pola necesidade de representación LGBT+ nesta lingua. Desde hai décadas este colectivo só se veu reflectido no audiovisual estadounidense cunha imaxe moi ligada ás grandes urbes, en especial San Francisco. No imaxinario colectivo as persoas LGBT+ son homes cis, gais que viven en cidades e non o é unha redeira de Malpica. Isto debese, en parte, a que o mundo galego e a súa lingua seguen estando asociadas ó rural. Que Elisa e Marcela este en galego rompe con esa idea, e implica que as persoas LGBT+ son diversas tamén a nivel lingüístico. “Elisa y Marcela” converteríase no segundo filme LGBT+ en galego, despois de “Nove de Novembro” de Lázaro Louzao, e no primeiro lésbico.

Avante LGBT reclama que conceder isto lle custaría un total de 0 euros á empresa xa que o filme foi subvencionado pola Xunta e xa está a ser dobrado neste momento para a súa distribución por parte da produtora Zenit TV que va sacar a película na TVG. O colectivo expresa que de nada serve ter películas tan boas e galardoadas, como a recente “A sombra da lei”, se a xente non as coñece nin sabe que están dobradas. Dipoñer do filme en galego en Netflix, unha plataforma online con 300 millóns de usuarios, sendo este o primeiro contido dispoñible en lingua galega na mesma, suporía segundo a organización un paso fundamental na normalización do idioma e un fito histórico para as galegas LGBT+.

https://www.change.org/p/netflix-pola-distribuci%C3%B3n-do-filme-elisa-e-marcela-en-galego-na-plataforma-netflix