Axente financeiro, unha opción de autoemprego

Realizaranse simulacións prácticas coincidindo coa ‘hora bruxa’ da Bolsa de Madrid
Publicado por o día 19/02/2018 na sección de Universidade de Vigo

Axente financeiro, unha opción de autoemprego

“No noso país, o desemprego é unha perda de horas de traballo de persoas en plena capacidade, que non contribúen á xeración de riqueza”, explica Jorge Vila, profesor do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade. Por outro lado, segundo explica o docente, as empresas non son capaces de absorber as e os titulados superiores, motivo polo que Vila considera que as universidades deben prover ao alumnado dos coñecementos necesarios para comezar no mundo do autoemprego. O mundo financeiro é un dos eidos no que as e os estudantes poden emprender e, precisamente, con esta finalidade, nace o primeiro obradoiro sobre Advanced Trading, que dará a coñecer as ferramentas esenciais para operar en bolsa. “O Forex funciona 24 horas ao día salvo os fins de semana; tamén Asia, Europa e América permiten negociar as 24 horas do día”, explica Jorge Vila, algo moi útil “se un ten problemas de insomnio”. O docente da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais destaca que a clave é “practicar moito con diñeiro virtual ata a aprender a dominar a nosa propia personalidade”. Isto, xunto cos conceptos teóricos e prácticos do trading centrarán o curso, que comezará o 23 de febreiro de forma presencial no campus de Vigo en horario de tarde. As persoas interesadas en asistir poderanse inscribir ata o mesmo día do inicio das clases, que serán impartidas polo propio Jorge Vila e o axente financeiro Pablo Iglesias.

A teoría e a práctica da ‘hora bruxa’ da Bolsa de Madrid

trading avanzado, segundo Vila, é “o coñecemento e uso de todas as ferramentas dos actuais broker en liña, incluíndo o rastrexo de prezos en todos os mercados interconectados, todo tipo de combinacións financeiras así como infinidade de modalidades de compra e venda no terreo da bolsa”, entre as que Vila destaca as trailing orders. Para adquirir estas competencias, os participantes achegaranse á plataforma dixital Forex, o mercado que reúne os compradores e vendedores de divisas; os valores de Nadasq, mercado electrónico e automatizado; o sistema que relaciona as catro bolsas españolas ou, entre outros, os clandestic, gráficos que permiten visualizar as variacións que se producen nunha sesión bolsista.

Aínda que se parte de coñecementos básicos, dende o inicio do curso faranse exercicios prácticos, permitindo unha aprendizaxe autónoma. “Levaremos a teoría á práctica con simuladores de datos reais e históricos, cun programa de diñeiro ficticio, que nos facilitará o noso axente de bolsa colaborador”, explica Vila. Estas actividades avaliaranse na sesión do derradeiro venres, coincidindo coa ‘hora bruxa’ da Bolsa de Madrid, momento no que vencen os contratos trimestrais de opcións e futuros sobre índices e as opcións sobre accións. “Cando se facía manualmente, a gran cantidade de ordes xeraba efectos imprevisibles e, na actualidade, mantense ese halo de maxia”, un feito que, segundo Vila, creará expectación e motivará aos estudantes.

Os docentes, considerando que as competencias dixitais supoñen un valor engadido no actual contexto laboral, ensinarán, ademais, nocións básicas de programación. De esta forma, guiarán o alumnado dende diferentes disciplinas para que “cada un obteña a cana coa que ir pescar”.

Xerar cultura investidora

O organizador do curso destaca que o obradoiro está pensado para incentivar a iniciativa dos estudantes que queiran deseñar os seus propios investimentos, pero, basicamente, “o que queremos é xerar unha cultura investidora para evitar os erros típicos de comepantallas”. De feito, Vila agarda que a partir desta experiencia do primeiro curso de Trading Advanced, as e os participantes poidan crear unha spin-off financeira, “que permitira a investidores galegos obter a rendibilidade á que teñen dereito e que os bancos lle están negando”. Unha mostra de que esta especialidade está a irromper con forza, é que na Universidade de Vigo, xa se defenderon Traballos de Fin de Grao sobre esta materia e “estamos dirixindo unha tese de doutoramento, máis outros dous TFG”.

Matrícula

Este obradoiro, que ten unha duración total de 32 horas, está dirixido ao público en xeral, aínda que segundo indica Vila, o mellor aproveitamento será para aqueles participantes noveles ou que sexan capaces de “desaprender o que xa saben para cursalo coa mentalidade oriental do eterno aprendiz”. As e os interesados en asistir ao curso deberán realizar a preinscripción a través da plataforma virtual Bubela.