As empresas e asociacións empresariais teñen ata o vindeiro 7 de outubro para adscribirse ao programa Profesionais 4.0 (www.igape.es/profesionais4.0), unha iniciativa innovadora posta en marcha pola Xunta para facilitar a mellora competitiva do tecido produtivo galego, e pola que as compañías e organizacións interesadas poden acceder a axudas para a contratación de titulados universitarios e de técnicos superiores en FP de ata 35 anos.
Con este programa a Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsará, a través do Igape, a especialización e o acceso ao mundo laboral de 140 mozos e mozas que recentemente obtivesen a titulación esixida. Dotada con dous millóns de euros, a nova liña de axudas incentiva a contratación e a formación destes profesionais por parte das empresas, autónomos con dous ou máis empregados e as asociacións, fundacións ou clústeres, para a realización de plans que garantan o seu avance competitivo no eido da Industria 4.0.
As iniciativas de mellora poderán desenvolverse en áreas tan variadas como a optimización financeira, a profesionalización da produción e a cadea loxística, o desenvolvemento de procesos e sistemas de xestión da calidade, a identificación e posta en marcha de redes de cooperación e socios, a aposta polo capital humano, o asesoramento integral ao proceso emprendedor, a dixitalización ou creación de contidos dixitais e a incorporación efectiva de tecnoloxía, entre outros.
Pola súa banda, os titulados interesados deben darse de alta, previamente á resolución da convocatoria a finais de 2019, na base de candidatos do Igape, a través da cal as empresas e asociacións empresariais que participen no programa, e que poden solicitar as axudas utilizando a oficina virtual do Instituto, atoparán os candidatos axeitados.
Profesionais 4.0, que conta co cofinanciamento do Fondo Social Europeo, súmase ás distintas iniciativas impulsadas pola Administración autonómica para favorecer a retención de talento na Comunidade e o desenvolvemento da carreira profesional da xente moza, ao tempo que se estimula a súa incorporación ao tecido empresarial, mellorando así a súa competitividade. Enmárcase na nova Axenda Industria 4.0, para cuxo desenvolvemento a Xunta destinará 350 millóns de euros entre 2019 e 2022 cos obxectivos de anticiparse aos cambios do novo modelo industrial, aumentar o tamaño das empresas, favorecer a aposta polo talento dixital e contribuír á reinvención do tecido industrial galego e á súa especialización desde o punto de vista tecnolóxico.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.