Benedicta Sánchez e Amador Arias, protagonistas de ‘O que arde’, entre os participantes dos Coloquios Fundación AISGE en Cans

Todos os encontros terán lugar nas matinais do mércores 2 ao venres 4 de setembro e só poderán acceder un máximo de 25 persoas, a través dunha inscripción previa gratuita que se poderá realizar desde este xoves 20 na web do festival.
Publicado por o día 19/08/2020 na sección de Cultura,Galicia,O Porriño

Benedicta Sánchez e Amador Arias, protagonistas de ‘O que arde’, entre os participantes dos Coloquios Fundación AISGE en Cans

A presenza da actriz Benedicta Sánchez e do actor Amador Arias, protagonistas do filme “O que Arde”, a película mais vista da historia do cinema galego, serán dous dos grandes atractivos dos Coloquios Fundación AISGE no Festival de Cans, cuxa XVII edición ten prevista a súa celebración entre o 2 e o 5 de setembro. Benedicta Sánchez, unha das actrices máis populares de Galicia despois de ter recibido ós 84 anos o Goya á actriz revelación pola súa interpretación en “O que Arde”, estará en Cans na mañá do xoves 3 de setembro ás 12,00 horas, xunto co seu compañeiro Amador Arias, para conversar sobre o feito de chegar á interpretación case por azar.

Nos coloquios da Fundación AISGE, patrocinados por esta entidade que protexe os direitos das actrices e actores, estarán tamén na mañá do mércores 2 de setembro ás 11,00 horas, a actriz Uxía Blanco e o actor Miquel Insua, para conversar sobre a figura de Chano Piñeiro, nos 25 anos da súa morte, e a súa cualidade de descubridor de actrices e actores. Neste caso, ambos intérpretes debutaron ás ordes de Chano Piñeiro no imprescindible filme “Sempre Xonxa”. Ambos estarán acompañados pola viúva do director, Mari Luz Montes.

O terceiro dos coloquios, que terá lugar na mañá do venres, 5 de setembro ás 12,00 horas, estará adicado ao oficio dos intérpretes invisibles, como son as actrices e actores que se dedican á dobraxe. Neste caso coa presenza dos actores e dobradores Monti Castiñeiras, coñecido de series como “Serramoura” ou “Fariña”, Ana Santos -a inesquecible Pitusa en “Mareas Vivas”- ou o dobrador e gran coñecedor da historia da dobraxe Xerardo Couto.

Os Coloquios AISGE son un espazo ideado para achegar ó público as partes menos visibles do oficio dos actores e actrices e reflexionar sobre o seu papel na industria audiovisual. Todos os coloquios terán lugar este ano no Baixo de Carlos, cun aforo este ano reducido a só 25 persoas, baixo todas as medidas de hixiene que se requerirán no festival, con mascarilla e para manter o distanciamento e garantir a seguridade de público e veciñas e veciños. Ante este reducción de aforo, o certame retransmitirá este ano todos os seus coloquios en streaming para quen non poida acceder ás salas. Tamén en cada un dos coloquios o público será convidado a unha variedade de cafés, co apoio de Cafés Dromedario.

Ábrense as inscripción previas gratuitas para proxecións e actividades

As persoas que desexen asistir a estes coloquios e outras actividades poderán formalizar a súa reserva partir de mañá xoves, 20 de setembro na tenda da páxina web do festival de cans –https://tenda.festivaldecans.com/-, e rexistrase cos seus datos según as normas vixentes. O rexistro é de balde.

Cada persoa só poderá retirar unha entrada e haberá só 25 entradas para cada coloquio. Se unha persoa se inscribise nun coloquio e despois non asistise, automaticamente quedaría excluída para participar en seguintes coloquios.

Para acceder á estrea do filme “La Isla de Las Mentiras” de Paula Cons e ó filme “Arima” de Jaione Camborda, ambos na tarde do xoves, 3 de setembro no Círculo Recreativo, poderán facerse as reservas na web do festival a partir do luns, 24 de agosto. En ambos casos, o aforo estará limitado a unicamente 100 persoas.

Entradas para sección a competición na tenda online

Por outra parte, continúa aberta a venda de entradas para acceder ás curtas a competición nos únicos catro jalpóns que estarán abertos este ano o sábado 5 de setembro. As entradas matinais (10 euros) darán acceso ó coloquio de Óliver Laxe e as entradas de tarde (15 euros) á actuación de Henrik Rover y los Míticos GSI, así como a entrega de premios. O sábado 5 só se poderá acceder ás actividades cunha entrada, así como o acceso a Cans en autobús estará restrinxido ás persoas que dispoñan desa entrada. Do mesmo xeito, o venres 4 de setembro, para a actuación de Amaro Ferreiro e a Noite das Homenaxes será preciso adquirir unha entrada (7 euros). Só haberá venda anticipada e non se venderán entradas en Cans o mesmo día do festival.