O acoso sexual na contorna universitaria, a influencia dos estereotipos á hora de tomar decisións educativas, a análise dos clixés na música emitida pola emisora 40 Principales no 2016, xunto co exame das protagonistas da serie Girls de HBO, a construción de roles dende a moda infantil e a crítica cara os tópicos formados arredor das meigas son os argumentos dos proxectos galardoados nos IV Premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e de máster na Universidade de Vigo. As seis gañadoras recolleran os galardóns o vindeiro luns no acto académico da festividade de San Tomé de Aquino.
Este ano presentáronse un total de 33 textos, seis máis que na pasada edición, o 90% realizados por mulleres. Anabel G. Penín, directora da Unidade de Igualdade e membro do xurado, resalta a calidade xeral dos traballos, que “acostuma ser moi boa, pois obtiveron xa unha cualificación dun mínimo de oito na valoración dos tribunais”. Recoñece que, “este ano especialmente”, notaron que “os TFM tratan temas moi actuais e moi completos, cunha fonda investigación e boas conclusións”. En canto aos participantes, G. Penín asegura que a implicación do estudantado masculino nos Premios Egeria non mudou de forma significativa ao longo dos últimos anos e mantense nunha porcentaxe situada arredor do 10%.
Mestrados sen estereotipos nin violencia sexual
Rosana Martínez, titulada no Máster en Intervención Multidisciplinar na Diversidade en Contextos Educativos, identificou diferentes situacións de acoso sexual que sufre o alumnado da Facultade de Ciencias da Educación por razón de sexo. Para a súa análise, entrevistou a 134 alumnos e alumnas das que 106 padeceron episodios de acoso e oito delas agresión sexual, uns datos que reflicten, segundo a autora, que “as mulleres e os grupos LGTBI son os colectivos que máis sofren estas situacións e fano en contextos moi diversos”. Indica, tamén, que existe unha tendencia cara á normalización deste tipo de abusos e que, polo tanto, son necesarias este tipo de investigacións “para concienciarnos e sensibilizarnos de todo o traballo que queda por diante se realmente queremos acadar unha sociedade sen violencia e con igualdade”.
Co máster en Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Idiomas recén rematado, Montserrat Vilariño conseguiu outro dos galardóns cun traballo no que abordou a influencia dos estereotipos na toma de decisións académicas. Coas conclusión enriba da mesa Vilariño amósase convencida de que a maioría do alumnado destes niveis formativos “reproduce os estereotipos de xénero, sendo os rapaces os que menos os transgriden, asimilando, á vez, estes clixés como uns conceptos naturais e non como unha construción da propia sociedade”. Para que esta situación cambie, o sector educativo deberá, ao seu xuízo, implicarse de tal forma que a perspectiva de xénero se inclúa como coñecemento transversal e que todos os docentes o traballen nas súas aulas. “Isto é algo fundamental nos tempos que corren”, recalca.
A egresada no Máster Interuniversitario en Estudos Ingleses Avanzados e as súas Aplicacións, Estrela Rivas, decidiu realizar o seu TFM sobre a serie de HBO Girls. “Fíxeno porque quixen traballar sobre o apoderamento e cousificación para aclarar as miñas propias ideas e, ao mesmo tempo, chamar a atención dos problemas que pode traer o feminismo cando vai da man dos privilexios de clase, raza, sexualidade e da ideoloxía neoliberal”. Segundo afirma Rivas, premiada por segundo ano consecutivo nesta convocatoria, a serie recibiu boas críticas e foi catalogada como innovadora polo feito de ter como protagonistas a catro mulleres, pero “a verdade é que non tratan a estes personaxes dende unha correcta perspectiva de xénero”. Por esta razón considera que “os medios de comunicación deberían ter coidado á hora de falar de certos produtos audiovisuais e non asumilos como feministas cando, realmente, non o son”.
Cultura de masas, a exame
Para Lorena Costas, graduada en Educación Social, a música “é unha das ferramentas de comunicación con maior influencia en actitudes e valores”. Precisamente por esta razón, no seu Traballo Fin de Grao examinou a relación entre esta e os comportamentos sexistas, escollendo as cancións que soaron na emisora 40 Principales durante o ano 2016. Logo da análise, concluíu que os temas de reggaetón, electrónicos e pop son os que máis clixés recollen. Para que estas mensaxes non se asenten na sociedade, Costa asegura que é importante educar en igualdade de forma permanente “coa finalidade de adoptar unha actitude crítica ante todas estas connotacións que nos bombardean día a día a través dos medios de comunicación”.
As ideas que se derivan das películas, dos programas de televisión e dos contidos de Internet sobre o concepto de feminismo ou sobre a perspectiva de xénero repercuten na cultura popular e, polo tanto, hai que coidar as mensaxes que se trasladan dende estas plataformas. Así o asegura Lucía García, titulada en Linguas Estranxeiras, que elaborou o seu TFG sobre o estereotipo das meigas “xa que este ser dos contos e das lendas vense relacionando dende fai moito tempo coa figura da muller feminista”. Con todo, García asegura que a través desta figuración “as características negativas derivadas do pensamento patriarcal que sempre se lle atribuíron ás bruxas aparecen agora nas pantallas representando uns ideais baixo o título do feminismo que, non obstante, son contraditorios a este”.
As mensaxes impresas na moda infantil é o argumento do TFG de María González, graduada en Tradución e Interpretación. “Dinme conta de que vivimos nunha sociedade que ten os estereotipos tan arraigados que non se dá conta do sexismo existente nas camisetas que van dirixidas, neste caso, a nenas e a nenos”, recalca González, quen, ademais, eloxia que exista un espazo dentro da Universidade no que converxa “o interese común, que é o de abrir os ollos á sociedade para que así algún día poidamos acadar a igualdade entre homes e mulleres”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.