Alumnado, persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos ao que lle guste a música e teña intención de iniciar unha carreira como solista ou formar algún grupo ou banda amateur. Todas e todos son posibles candidatos para converterse nos novos inquilinos do local de ensaios do campus de Vigo. A Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria acaba de abrir o prazo para inscribirse nunha nova edición do programa de apoio a iniciativas musicais Ensaiamos para o curso 2019/2020. As persoas interesadas en participar no programa teñen de prazo para inscribirse ata o vindeiro 9 de outubro.
Esta iniciativa púxose en marcha no 2006 e, dende entón, xa pasaron polo local de ensaio do Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria ducias de grupos e solistas que se beneficiaron dun local gratuíto dotado dun equipamento inicial básico para a realización das sesións de ensaio e que inclúe batería de cinco corpos, dous amplificadores combo de guitarra de 100w, amplificador de baixo de 150w, mesa de mestura de dez canais mono, dous auxiliares e entradas e saídas RCA, altofalantes, micrófonos e cableado básico.
Os horarios de uso decidiranse nunha reunión obrigatoria o venres 11
O obxectivo desta proposta é seguir axudando a dinamizar a vida musical do campus. “É un proxecto que xa está moi asentado e polo que se segue a apostar”, explica Alfonso Caride, técnico superior de Actividades Culturais, quen explica que o curso pasado se beneficiaron do programa sete agrupacións. “Unha vez que se peche o prazo de inscricións teremos unha reunión obrigatoria coas persoas inscritas, cando menos unha por cada grupo, para definir os horarios de uso”, recalcou o técnico, quen adiantou que nesta ocasión a xuntanza celebrarase na sala 1 do edificio Miralles o venres día 11 ás 12.00 horas.
Entre os participantes establecerase un horario de uso do local e do equipo, podendo elixir entre diferentes alternativas: os luns de 12.00 hora a 15.00 horas e de 18.00 a 21.00 h; os martes de 12.00 a 15.00 e de 16.00 a 21.00 h, e os venres de 13.00 a 15.00 e de 16.00 a 21.00 horas. O requisito imprescindible para poder participar no programa é que, polo menos, dous integrantes do grupo sexan membros da comunidade universitaria, ou tres se a banda ten cinco ou máis compoñentes. Tamén se aceptan solistas, ben porque sexa esta a opción elixida, ben porque aínda non teñen ningún grupo no que integrarse –neste caso poden optar por agruparse entre solicitantes ou integrarse nalgunha banda que precise completarse-.
E a final de curso… Festival Ensaiamos Colleita 2020
Despois de meses de ensaios as bandas participantes terán a oportunidade de amosarlle ao público os seus avances no Festival Ensaiamos Colleita 2020, unha cita xa clásica do calendario cultural universitario. Na edición deste ano –celebrada o pasado 30 de abril- foron tres os grupos que tiveron a oportunidade de subir ás táboas do Vidal Bolaño para ofrecer aos asistentes un espectáculo no que achegaron distintos estilos musicais. Finalmente, tanto o xurado coma o público outorgáronlle a máxima puntuación a Veintisiete, agrupación que ofreceu un repertorio composto por versións de grupos de rock dos 90 e 2000 composta por Paula Andrés coma vocalista, Jesús Martínez no baixo, Uxía Tarrío e Mireia Nuño ás guitarras e Pedro Llovo na batería.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.