30 prazas máis para os campus de Vigo e Pontevedra e 14 para o de Ourense. Campus Camp, o campamento de verán dirixido a fillas e fillos de PAS, PDI e estudantes, incrementa este ano as prazas dispoñibles nos tres campus ao pasar das 120 prazas ofertadas para o campus de Vigo e Pontevedra a 150, e de 36 a 50 no caso de Ourense. A maiores deste incremento no número de prazas ofertadas, este ano amplíase tamén ata os 14 anos a idade límite das e dos participantes.
Esta iniciativa, coordinada deste o Servizo de Extensión Universitaria, vai dirixida a facilitar a conciliación da vida profesional e familiar dos membros da comunidade universitaria en época de vacacións escolares, ao tempo que achega a Universidade aos máis pequenos. O campamento está aberto a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 3 e os 14 anos -ata o de agora era ata os 12- e as persoas interesadas en inscribir aos seus fillos/as teñen de prazo para facelo ata as 14.00 horas do vindeiro venres 31 de maio a través de Culturxest –as prazas iranse adxudicando por orde de inscrición nesta plataforma-.
Arranca o 24 de xuño, coincidindo coas vacacións escolares
As actividades arrancarán o 24 de xuño, coincidindo co inicio das vacacións escolares, e prolongaranse ata o mes de setembro, quedando excluído de actividades o mes de agosto. As persoas interesadas poden inscribir os seus nenos/as dependendo das súas propias necesidades en toda a tempada ou só algunha/s quincenas, variando os prezos entre os 160 euros si se opta por inscribir o cativo desde xuño ata setembro; 120 euros, no caso de inscribilo todo o mes de xullo; 60 euros cada quincena de xullo; 30 euros, só xuño; 30 euros, só setembro ou oito euros por día caso de decidirse por inscribilo en días soltos. Ademais, en función do número de irmáns matriculados, estableceranse diferentes descontos (desde o 10% por segundo filla/o ata un 25% no quinto), agás no caso de que se opte pola matrícula en días soltos.
O Campus Camp propón cada verán unha serie de actividades educativas e lúdicas a nenos e nenas, cun eixo temático que vai variando en cada edición, co obxectivo de fomentar a colaboración e o traballo cooperativo, a adquisición de habilidades específicas de diferentes deportes a través do xogo e a realización de actividades ao aire libre.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.