O FalaRedes, o programa de dinamización que a Consellería de Cultura e Turismo impulsa a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, fará dúas paradas esta ponte de Semana Santa coa actividade Canta, miña pedra, canta. A primeira cita está marcada para mañá, xoves 18, no Carballiño, cunha función na Praza Maior da vila, ás 19:00 horas. En caso de choiva, a cita será no Auditorio Municipal. O sábado, 20 de abril, Xoán Curiel e Charo Pita emprazarán as familias mindonienses na Casa da Xuventude, ás 18:30 horas.
Canta, miña pedra, canta é a nova actividade que ten en carteleira esta primavera o FalaRedes 2019. O músico Xoán Curiel e a contadora Charo Pita son os encargados de achegarlle ás familias a obra de Antonio Fraguas, autor ao que este ano a RAG lle dedica o 17 de maio. O espectáculo combina narracións tradicionais antigas coas cantigas populares que Fraguas recolleu nun dos seus libros máis significativos: Aportacións ao Cancioneiro de Cotobade. A obra está especialmente pensada para nenas e nenos de entre os 6 e os 12 anos de idade.
A actividade que se estreou o pasado 23 de marzo en Noia, percorrerá ata finais de maio catorce concellos galegos. Despois das citas desta Semana Santa no Carballiño e en Noia, Canta, miña pedra, canta pasará tamén este mes polo Grove (o venres 26 de abril, na Casa da Cultura Lueiro Rei) e Cangas (o sábado 27 de abril, no Auditorio Municipal). No mes de maio a actividade proseguirá o seu camiño polos concellos de Boiro, Vilagarcía de Arousa, Barbadás, A Estrada e Ames.
Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do FalaRedes están a percorrer os concellos da RDL. Trátase dunha iniciativa para incidir na promoción do uso da lingua galega no eido local que conta con máis de 190 entidades adscritas.
Toda a información sobre esta edición dispoñible no Portal da Lingua Galega, nas redes sociais da RDL e na Axenda de Cultura de Galicia.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.
Una respuesta para "‘Canta, miña pedra, canta’ homenaxea a Fraguas no Carballiño e Mondoñedo nestes festivos"