A presidenta da Deputación de Pontevedra adiantou esta mañá algunhas das iniciativas que o Goberno provincial liderará nos vindeiros meses en materia medioambiental, como o proxecto de eficiencia enerxética, a concorrencia a dous novos fondos europeos Life e as accións concretas da campaña “Experiencias sostibles”. Ao mesmo tempo, Silva realizou un balance do “cambio radical” nas políticas impulsadas polo Goberno provincial en Medio Ambiente e amosou a súa satisfacción “porque non hai outra administración en toda España que teña posto en marcha tantas iniciativas neste eido. Buscamos unha provincia sostible porque estamos convencidas de que a axenda medioambiental e a de igualdade teñen que marcar ás políticas das administración no século XXI”.
Deste xeito, a presidenta informou que hoxe deu conta á Xunta de Goberno da aprobación dos recursos do IDAE para impulsar a eficiencia enerxética en 43 concellos da provincia mediante a substitución de máis de 7.500 luminarias por leds que suporán un aforro do 62 %. Neste contexto, Silva adiantou que en dúas semanas asinaranse os convenios cos alcaldes e alcaldesas dos 43 concellos beneficiarios e que a institución concorrerá aos novos fondos do IDAE para seguir impulsando a economía baixa en carbono.
Xunto a estas iniciativas de eficiencia enerxética, a presidenta da Deputación tamén informou que a institución vai concorrer aos fondos LIFE con dous novos proxectos: axudas europeas para un programa centrado nas depuradoras (de solucións sustentables e innovadoras no tratamento de augas residuais de pequenos núcleos de poboación) e para o proxecto “Life CircWeee-Weee, pilas e acumuladores. Recuperación de materias primas críticas e compoñentes” (centrado na recollida selectiva e reciclaxe de pilas e residuos de aparatos eléctricos e electrónicos). “Estes proxectos, dixo Silva, son só algúns dos moitos programas que levaremos adiante nos vindeiros catro anos na nosa aposta pola axenda da sustentabilidade en todos os eixos das nosas políticas. Falamos dunha demanda da sociedade, que está a pedir que as políticas e os políticos reaccionen, e dunha cuestión de responsabilidade con esta xeración e as que veñen”, asegurou.
Ademais, entre xullo e agosto terán lugar as accións da campaña “Experiencias sostibles” que este ano estarán destinadas a concienciar da loita contra os plásticos. Neste eido, tal e como explicou a presidenta provincial, haberá unha caseta informativa desde o que se concienciará sobre os efectos dos plásticos no medio ambiente e na saúde e no que se entregará un folleto informativo, imáns, bolsas de tela e vasos compostables. En concreto, a través da caseta, levaranse a cabo máis de 20 accións, con presenza nos sete festivais da provincia (PortAmérica de Caldas de Reis o 5 de xullo, Vive Nigrán o 19 de xullo, Atlantic Fest da Illa de Arousa o 26 de xullo, SinSal de Redondela o 25 de xullo, SonRías Baixas de Bueu o 2 de agosto, O Marisquiño de Vigo o 9 de agosto e Revenidas de Vilagarcía de Arousa o 11 de agosto); en praias, paseos marítimos e eventos (Porto en Poio o 5 de xullo, Os Barcos en Sanxenxo o 19 de xullo, Samil en Vigo o 11 de xullo, Rodeira en Cangas o 15 de xullo, Ribeira en Baiona o 9 de agosto, o Náutico de San Vicente do Grove o 23 de agosto, o paseo Marítimo de Moaña o 28 de agosto, a Festa da Vieira de Cambados o 12 de xullo e a Festa da Langosta da Guarda o 6 de xullo) e en cidades e vilas (en Vigo o 10 de agosto, en Pontevedra o 11 de agosto, en Vilagarcía de Arousa o 18 de xullo e en Tui o 10 de agosto).
Carmela Silva informou tamén de novas liñas no eido medioambiental que se van poñer en marcha. Entre estas actuacións atópase o cultivo ecolóxico de froitos do bosque e o impulso da creación de plantacións destes froitos en terreos, sobre todo abandonados; a produción forestal activa mediante técnicas de aproveitamento de resina e o estudo e análise de mostras vexetais de cultivos agrícolas e forestais de interese para Galicia.
Xunto a estes novos proxectos, “algúns dos moitos nos que imos traballar nos vindeiros catro anos” –asegurou Carmela Silva-, a presidenta fixo tamén balance das actuacións lideradas polo goberno nos últimos anos. Neste eido mencionou a aposta polas especies autóctonas e a tala de especies invasoras como os eucaliptos e acacias en Soutomaior e Sobroso; o coidado do Medio Ambiente valorizando os sendeiros azuis, onde a provincia de Pontevedra con 18 é líder no Estado; a aposta pola agricultura ecolóxica co fomento de producións ecolóxicas e cultivos alternativos; a elaboración de estudos, desenvolvemento de tecnoloxías e divulgación científica para a mellora ambiental da provincia relacionadas co impacto do cambio climático no sector vinícola ou coa ordenación dos montes; ou programas como o SICOM (para reducir o uso de fitosanitarios no tratamento da vide), Voando nas Rías Baixas, Protura, Depoverde ou Depoapicultura.
Amais, a presidenta provincial tamén mencionou proxectos como ESTRAEE, o Plan Revitaliza –ao que cualificou como “unha das maiores apostas polo medio ambiente deste mandato”-, a nova xestión dos montes da provincia e as liñas de acción medioambiental en programas transfronteirizos como Smart Miño e Visit Río Miño. Igualmente destacou un pioneiro, cuxo prazo de inscrición remata o 20 de xuño, relativo ao fomento das STEM en centro escolares públicos de primaria e secundaria que poñan en marcha proxectos medioambientais.
A estas iniciativas, tal e como recordou Silva, hai que sumar as desenvolvidas de xeito transversal dende as diferentes áreas de goberno. Deste xeito, no eido de Turismo incluíuse no Plan Estratéxico como obxectivo principal converter á provincia nun destino sustentable (en base ao cal puxéronse en marcha actuacións como as campañas de concienciación medioambiental ou as rutas das maceiras, das camelias ou do marisqueo, as sendas do Castelo de Soutomaior e Sobroso ou as accións coa cidadanía para a vendima). De igual forma aconteceu con Deportes, dende onde se impulsaron actividades deportivas sustentables como as DepoAndainas, BTTS, DepoDesafío ou apoio a eventos como a Epic Race. Amais, dende a área de Xuventude, elaboráronse no marco de DepoRúarte e dos Campamentos da Lanzada traballos relacionados co Medio Ambiente e formación sostible; e dende Mobilidade, impulsouse un novo modelo sustentable centrado nas persoas.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.