O Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, acolleu esta tarde a presentación do Entroido de Cobres, unha festa declarada de Interese Turístico de Galicia que encherá de música e cor mañá pola tarde o centro de Pontevedra, e entre os días 22 e 25 de febreiro percorrerá os barrios e parroquias de Vilaboa, concello do que procede esta manifestación cultural centenaria. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, animou á cidadanía da provincia a coñecer e vivir esta “tradición marabillosa, colorista e única” na que madamas e galáns, ataviados con vistosas vestimentas, danzan ao son dos instrumentos musicais.
“A sede de Turismo Rías Baixas énchese hoxe de cor, de tradición e de orgullo dunha cultura propia moi diversa. Dun Entroido que nos diferencia do resto de Galicia, España e o mundo”, salientou a presidenta, que anunciou o apoio da institución provincial ao Concello de Vilaboa nas xestións para obter a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional. “Sen dúbida imos conseguir este distintivo para o Entroido de Cobres”, apuntou, para engadir que “é un patrimonio inmaterial potentísimo , diferente e auténtico”.
Carmela Silva eloxiou a minuciosa ornamentación dos traxes e recoñeceu o traballo de todas as veciñas e veciños que se implican para manter vivo o Entroido de Cobres. “É unha mostra do cariño que ten a xente de Vilaboa a esta tradición”, apuntou, acompañada da tenente de alcalde de Vilaboa, Ornela Fernández, e dos responsables da Asociación Cultural Cobres, encargada da organización da festa. Unha das madamas e un dos galáns bailaron unha peza ao son da música para mostrar a beleza da danza e a coidada ornamentación dos traxes, con vistosas cintas de cores e abelorios de todo tipo, desde brillantes e cadeas ata fragmentos de espello e bonecos.
Tirón turístico
A tenente de alcalde de Vilaboa manifestou que o Entroido de Cobres é unha representación “diferente a todas, que combina o colorido coa danza tradicional e representa a máxima expresión das nosas tradicións”. Ornela Fernández explicou tamén que, grazas ao atractivo deste patrimonio inmaterial, o Entroido é unha das épocas de maior tirón turístico en Vilaboa. “Agora queremos conseguir a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional”, indicou, para agradecer o apoio da Deputación na promoción do Entroido de Cobres, o vicepresidente da Asociación Cultural Cobres, Daniel Somoza, explicou que a tradición remóntase, segundo diversos escritos, ao século XV. “Os traxes teñen moito colorido, e o que hoxe é bixutería no pasado era ouro. Íase casa por casa a buscalo para adornar a vestimenta”, relatou, e agradeceu ás persoas que participan na festa a súa implicación.
Na danza as madamas van ataviadas con vistosas saias de encaixe e blusa branca, cun peto repleto de adornos, con cintas de cores e un espectacular sombreiro de composición floral. “É unha verdadeira xoia artesanal e hai que estar en moi boa forma para bailar”, comentou a presidenta da Deputación. Os galáns tamén portan sombreiro, máis lixeiro, e unha vestimenta con adornos, cintas e cores similares aos das madamas.
Danzas en Pontevedra
Madamas, galáns e outros personaxes como as “aldeás” e “os de branco” participan, xunto coas músicas e músicos, neste Entroido que percorre os barrios e parroquias de San Adrián e Santa Cristina de Cobres. A veciñanza de Pontevedra poderá admirar este espectáculo na tarde de mañá venres no centro monumental da cidade. Ata 30 persoas desfilarán polas prazas e rúas con paradas para danzar en lugares representativos como A Peregrina ou a praza da Ferrería. Madamas e galáns danzarán ante o público ao son da gaita, o tambor, as pandeiretas o bombo e os clarinetes.
A danza é o elemento central do Entroido de Cobres pero a programación abarca actuacións de orquestras, agrupacións folclóricas e outras actividades como a Corrida do Galo, que pecha a festa o Martes de Carnaval. “Animo a todo o mundo a gozar deste magnífico espectáculo musical, cultural e visual. É único en Galicia”, concluíu Carmela Silva.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.