Carmela Silva apela a “outro modelo de consumo” no marco da Semana Mundial de Acción polo Clima

A presidenta da Deputación de Pontevedra apelou á necesidade de coidar o planeta. “Temos que resolver no século XXI os erros do século XX” coa implicación “de todas as administracións e de toda a cidadanía. Temos que tomar decisións e comprometernos”
Publicado por o día 24/09/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

Carmela Silva apela a “outro modelo de consumo” no marco da Semana Mundial de Acción polo Clima

No marco da Semana Mundial de Acción polo Clima a Deputación de Pontevedra vén de realizar esta mañá unha nova acción centrada no consumo sustentable e comercio xusto na que a Fundación Emaús e Solidariedade Internacional puxeron á venda produtos respectuosos co Medio Ambiente e as persoas. A presidenta provincial salientou a importancia desta iniciativa para “concienciar sobre outro modelo de consumo diferente” ao tempo que apelou á veciñanza da provincia “para construír un mundo diferente e moito mellor”.

Carmela Silva remarcou que “nacemos nunha sociedade consumista na que a única rentabilidade é o beneficio económico, esquecendo que así ponse en perigo a vida do ser humano e do planeta, porque o planeta está en perigo e temos que dicilo alto e claro. Por iso estamos dedicando toda esta semana a falar de cuestións que debemos modificar, si ou si”.   Neste eido a presidenta provincial apelou á necesidade de traballar para construír unha provincia sostible: “debemos resolver no século XXI os erros do século XX”. Tamén instou á implicación de todas e de todas, porque “coidar o planeta non é cousa da ONU, é de todas as administracións e de toda a cidadanía. Temos que tomar decisións e temos que comprometernos, debemos cambiar os nosos hábitos, e apaixóname ver mozas, xente nova, que están elevando un grito no mundo cun discurso que di que basta xa”.

Neste eido, a presidenta provincial remarcou a importancia de Solidariedade Internacional e da Fundación Emaús protagonistas da acción realizada esta mañá no Pazo Provincial da Deputación. “Ambas levan moito tempo traballando por construír un mundo mellor”, asegurou Carmela Silva. Sobre Emaús enxalzou o seu compromiso coas persoas e coa inclusión e inserción laboral. No que respecta a Solidariedade Internacional destacou o papel que desenvolve para promover un comercio xusto, que ten en conta as condicións medioambientais e sociais dos países onde se producen as materias primas.

A presidenta provincial tamén amosou a súa satisfacción porque detrás dos stands da Fundación Emaús e Solidariedade Internacional “atópanse mulleres. As mulleres estamos traballando activamente por cambiar o sistema, non soamente dende o feito que reclamamos que o 52% ocupe a metade de todo, senón tamén por ter  unha sociedade que se comprometa a facer fronte a todo aquilo que está danando o noso mundo, o mundo no que vivimos”, destacou Silva.

Pola súa banda, a responsable de Solidariedade Internacional detallou que a organizacón leva xa máis de 20 anos traballando en Pontevedra achegando o comercio xusto á cidadanía, un comercio que pon no centro ás persoas e ao medio ambiente. Nos stands de Solidariedade Internacional situados esta mañá no Pazo provincial púidose mercar azucre, cacao e café procedentes de producións sostibles co medio ambiente e as persoas.

No caso da Fundación Emaús leva máis de 40 anos en España traballando polo desenvolvemento sostible. Concretamente a Fundación traballa para favorecer a inserción laboral mediante o fomento do emprego, a través de empresas de economía social e solidarias. Algunhas delas, como “Sen desperdicio”, centradas na reutilización de produtos de orixe domiciliario e na economía circular. Deste xeito, no stand de Emaús puídose mercar esta mañá no Pazo provincial da Deputación  produtos elaborados con lonas e carteis publicitarios.

Ademais desta acción, tamén hoxe e no marco da axenda propia da Deputación con motivo da Semana Mundial da Acción polo Clima se instalaron os novos colectores de residuos en Príncipe Felipe, ata onde se desprazou a deputada delegada Noemi Outeda.