A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada da deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, e de mulleres de concellos e colectivos da provincia, escenificou esta mañá a adhesión da institución ao proxecto “Tempadas de igualdade nas artes escénicas” promovido polo grupo galego da asociación Clásicas y Modernas. Durante o evento, Silva reivindicou a necesidade de “cambiar este mundo inxusto” e “visibilizar o talento das mulleres do ámbito da cultura”.
Tras unha “rompedora e feminista performance” por parte das promotoras galegas de Clásicas e Modernas na que se puxeron de manifesto todos os esquecementos e desigualdades que sofren as mulleres na cultura, Carmela Silva destacou a necesidade “de comprometernos desde o eido local para impulsar a igualdade, de loitar todas xuntas para cambiar o mundo, construír unha sociedade mellor, máis decente, porque un mundo que non ten en conta a máis da metade da poboación é un mundo inxusto”. Neste eido, a presidenta provincial manifestou que “imos ter que dar moitos pasos pero, estou segura, o século XXI vai ser o das mulleres”.
No que respecta a “Tempadas de igualdade nas artes escénicas”, a presidenta animou “a que todos os concellos se sumen e apoien a Clásicas y Modernas, á cultura en feminino e aposten por elaborar programacións culturais nas que as mulleres teñan presenza. Está nas nosas mans, non pedimos nada extraordinario”. Neste eido, Silva recordou que hai moitas mulleres no eido da cultura pero permanecen invisibilizadas e ocultas. “Por iso precisamos dar un paso máis e visibilizar o papel da muller creadora, da artista porque aínda que non estamos nos libros, habelas hainas e con moita calidade”, asegurou a presidenta quen aproveitou a ocasión para poñer en valor a figura de María Vinyals. “Este ano estamos a apostar por unha muller como eixo da nosa promoción turística. Unha muller nada no castelo de Soutomaior, unha muller progresista, escritora, xornalista, unha muller oculta nos libros da historia pese a que cambiou o castelo por completo para convertelo nun espazo para a cultura”.
Pola súa banda, Mariana Carballal, actriz e profesora de arte dramático, agradeceu á Deputación o apoio a Tempadas de igualdade nas artes escénicas” e recordou os obxectivos desta iniciativa que xurdiu en Francia. Segundo Carballal, “con Tempadas queremos ofrecer ás institucións unha ferramenta coa que poidan variar a situación de desigualdade e afrontar o reto e a obriga de acadar a igualdade na cultura nun período de tres anos”.
Obradoiro de xestión cultural con perspectiva de xénero
A través do apoio á iniciativa de “Tempadas de igualdade nas artes escénicas”, da asociación Clásicas y Modernas, a institución provincial liderou tamén a organización dun obradoiro de xestión cultural con perspectiva de xénero que tivo lugar hoxe no Edificio Administrativo. O obradoiro foi impartido por Concha Hernández cualificada pola presidenta provincial como “unha gran muller, unha das nosas, unha desas mulleres que loita por todas as mulleres”.
Carmela Silva detallou o curriculum de Hernández, licenciada en Historia da Arte pola Complutense de Madrid, directora de proxectos culturais da empresa municipal Promoción de Madrid así como da revista Trabajadora, asesora cultural na Presidencia do Goberno de España, directora do Centro Cultural Conde Duque de Madrid desde o que impulsou os festivais Danzamos e JazzMadrid, xurado do Premio Nacional de Danza, directora do festival Ellas Crean e, desde o 2016, distinguida como Cabaleiro das Artes e Letras do Goberno francés pola súa capacidade de entrega á cultura e compromiso coas mulleres creadoras.
O obradoiro de xestión cultural con perspectiva de xénero afondou a cuestión desde a práctica profesional de Concha Hernández, analizando casos reais e experiencias vividas. En total, participaron no obradoiro medio centenar de persoas entre técnicas e técnicos dos concellos, políticas e políticos, operadoras e operadores, persoas encargadas da programación e comunicación nos espazos culturais e técnicas e técnicos de igualdade.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.