Carmela Silva: “Fronte á prostitución temos moi claro que a única posición ética, decente e humanamente aceptable é o abolicionismo”

A presidenta da Deputación abre no castelo de Soutomaior a xornada Mercantilización do Corpo das Mulleres, na que participan destacadas feministas como Rosa Cobo, Ángeles Álvarez, Silvia Pérez ou Towanda Rebels
Publicado por o día 09/10/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

Carmela Silva: “Fronte á prostitución temos moi claro que a única posición ética, decente e humanamente aceptable é o abolicionismo”

Cun cheo absoluto, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, abriu no castelo de Soutomaior a xornada Mercantilización do Corpo das Mulleres da Escola de Igualdade María Vinyals cun recordo ás “Trece Rosas”, unha lembranza de xustiza e desagravio tal e como deixou claro a presidenta provincial. “Quero dicirlles aos que pretenden dinamitar un sistema de igualdade que non van pasar, que non lles imos deixar pasar”, reivindicou Silva, que tamén destacou que “estamos a vivir unha situación na que se estenden os discursos ultra conservadores do neoliberalismo capitalista, proteccionista, atacando ás mulleres e é preciso que teñamos a fortaleza suficiente para poder defender outro mundo que é o que queremos desde o feminismo. Estamos aquí para quedarnos e non imos dar ningún paso atrás”.

Na apertura da xornada, na que se está a falar de prostitución, trata de persoas, pornografía ou ventres de alugueiro, Carmela Silva destacou que “na Deputación de Pontevedra temos moi claro que a única posición ética, decente e humanamente aceptable fronte á prostitución é o abolicionismo e dicímolo con orgullo”. Por estes motivos destacou a presidenta a importancia da xornada Mercantilización do Corpo das Mulleres, na que se vai afondar no centro desde o que nace “esta violencia suprema contra as mulleres, particularmente contra as máis vulnerables, as que non teñen capacidade para decidir”. Neste eido, a presidenta da Deputación apelou á necesidade de “cambiar o sistema patriarcal e propoñer outras relacións humanas baseadas nos dereitos humanos. Non podemos esquecer que ás mulleres que viven as situacións nas que os seus corpos son mercantilizados néganselles os máis básicos dereitos humanos”. Tamén amosou Silva o seu desexo de que da xornada “saian propostas que poidamos elevar a diferentes administracións e espazos para ser capaces de ir camiñando cara a erradicación da prostitución”.

A xornada Mercantilización do Corpo das Mulleres está a afondar no castelo de Soutomaior sobre o que significa a prostitución, os ventres de alugueiro, a trata ou a pornografía. “Imos falar da explotación do corpo das mulleres porque non podemos quedarnos de brazos cruzados ou seguir no tempo de silencio, queremos unha proposta diferente de sistema onde a igualdade sexa o centro de todas as cousas”, asegurou a presidenta da Deputación. “Falamos da sangue que alimenta o patriarcado, do neoliberalismo capitalista –como di Rosa Cobo– que pretende que todo sexa unha mercancía”, destacou Silva, e por iso ao longo da xornada falarase de “situacións terribles de discriminación que padecemos todas as mulleres desde o noso nacemento, chegando, as máis vulnerables, ata á escravitude”, afirmou a presidenta.

Deste xeito, durante a xornada están a participar mulleres “que teñen feito unha análise moi profunda de onde parte esta desigualdade e violencia extrema contra as mulleres como Rosa Cobo, Ángeles Álvarez, Silvia Pérez, Towanda Rebels (Teresa Lozano e Zúa Méndez)”. A todas elas a presidenta lles agradeceu a súa participación, dedicando unha especial atención a Rosa Cobo, “que nos últimos tempos nos ten volto a amosar a súa valentía”, e á deputada de Igualdade Isaura Abelairas, “unha muller comprometida que estruturou na Deputación un Departamento de Igualdade que é xa un referente do feminismo”.

A xornada Mercantilización do Corpo das Mulleres, cun “cheo absoluto que significa que hai preocupación e ocupación na sociedade”, estase a retransmitir por streaming a través da páxina web da Deputación de Pontevedra e das redes sociais da institución provincial.