Carmela Silva insta nas Neves a cambiar a terrible realidade da violencia machista e construír desde a educación un mundo en igualdade

A presidenta da Deputación asistiu á acción artística de “Violencia Zero” e subliñou a importancia da mocidade para “construír un mundo que mereza a pena, decente e democrático, no que as mulleres non sexan asasinadas, nin violentadas”
Publicado por o día 08/02/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

Carmela Silva insta nas Neves a cambiar a terrible realidade da violencia machista e construír desde a educación un mundo en igualdade

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, pola concelleira de Igualdade, Natividad Durán, e pola deputada de Cohesión Social, Digna Rivas, asistiu no IES Pazo da Mercé, á sexta intervención artística do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero“, da Deputación de Pontevedra, a cargo da poetisa Olalla Cociña, coa súa obra “Cofre de Maquillaxe”.

No acto, Carmela Silva destacou que “Mulleres en acción. Violencia Zero” ten por obxectivos visibilizar ás mulleres que fan cultura en Galicia ao tempo que impulsar a reflexión sobre a desigualdade e as violencias machistas. Así, Silva informou que “das moitas desigualdades que sufrimos as mulleres, a máis grave é a violencia física e o asasinato. Este ano 3 mulleres xa foron asasinadas e o ano pasado foron 55. ¿É preciso que siga a acontecer para que a sociedade diga basta xa? Ten que rematar. Temos que traballar conxuntamente para que remate”.  Ao respecto, a presidenta provincial instou ás mozas e aos mozos do IES Pazo da Mercé das Neves a que “cambien esta realidade e a construír un mundo en igualdade desde a educación. Vós sodes o futuro inmediato e é fundamental que loitedes para construír un mundo que pereza a pena, un mundo decente, democrático, no que todas e todos vivamos en igualdade, en liberdade, e as mulleres non sexan violentadas, asasinadas e non ocupen os espazos que lle corresponden que son a metade. Unha sociedade igualitaria sería moito mellor, seríamos todas e todos máis libres e felices e estou segura que todas e todos vós ides traballar para parar esta barbarie”.

A presidenta da Deputación tamén reflexionou sobre as desigualdades que viven as mulleres. “Desde que comezou a democracia en España, en 1978, e se comezaron a elixir ás persoas que nos gobernan tiveron que pasar décadas ata 2015 para que unha muller ocupase a presidencia dunha Deputación en Galicia, neste caso a de Pontevedra”, destacou a presidenta. Neste mesmo contexto, Silva falou tamén de que “somos o 60% das tituladas universitarias, somos as que temos os mellores resultados académicos pero seguimos sen ocupar espazos de decisión; somos o 52% das xuízas pero non estamos no Tribunal Supremo, nin no Constitucional, nin na Audiencia Nacional e nas Provinciais; somos maioría en graduarnos en Empresariais e Económicas pero non diriximos grandes empresas… vivimos nun mundo repleto de desigualdades que non se corresponden con datos obxectivos, nin con ningún valor humano, e por iso desde a Deputación estamos a impulsar programas como “Mulleres en acción. Violencia Zero”, co obxectivo de rematar co silencio e falar alto e claro sobre a realidade”.

Pola súa banda a concelleira de Igualdade das Neves, Natividad Durán,  agradeceu á Deputación de Pontevedra “a organización da actividade de hoxe que nos permite trasladar a realidade que estamos a vivir as mulleres na actualidade”. Tamén tivo palabras para a mocidade, a quen lle trasladou que “sodes o futuro, as e os que podedes poñer freo a todas estas terribles situacións”.

“Mulleres en acción. Violencia Zero” levou ata ás Neves a Olalla Cociña quen puxo en escena a súa obra “Cofre de maquillaxe”, que reflexiona sobre a ocultación das formas máis sutís do machismo e da violencia de xénero, aquelas que pasan desapercibidas diariamente, e a manipulación destas nos discursos mediáticos. A acción artística xira ao redor dun titorial de maquillaxe emitido na canle pública de Marrocos para ensinarlles ás mulleres maltratadas como camuflar as feridas e os negróns provocados polo maltrato das súas parellas ou familiares.

“Mulleres en Acción. Violencia Zero” reúne o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta terceira edición comezou en novembro de 2017 e novamente se celebra este ano en 25 concellos da provincia (Vigo, Pontevedra, Cerdedo-Cotobade, Mos, A Lama, Forcarei, As Neves, Lalín, Cambados, Ponteareas, Barro, A Cañiza, Valga, Silleda, Catoira, Gondomar, A Guarda, A Illa de Arousa, Bueu, Moaña, O Porriño, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Mondariz e O Rosal).