Carmela Silva reinvindica o papel da muller xornalista durante a presentación do “Encontro de Mulleres Columnistas”

A presidenta da Deputación de Pontevedra denunciou que “as mulleres están infrarrepresentadas nos medios de comunicación xa que son o 64% das xornalistas e, sen embargo, o 89% dos postos de dirección están ocupados por homes”
Publicado por o día 19/02/2018 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra

Carmela Silva reinvindica o papel da muller xornalista durante a presentación do “Encontro de Mulleres Columnistas”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou esta mañá, no Concello de Pontevedra, o “Encontro de Mulleres Columnistas: as mulleres que opinan son perigosas” xunto a Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; Digna Rivas, deputada provincial; Carmen Fouces, concelleira de Igualdade; Susana Pedreira, xornalista e organizadora do evento, e María Varela, xornalista e columnista participante nas xornadas. O encontro será un foro que reunirá a mulleres columnistas de diferentes xeracións e perfís, todas elas profesionais do xornalismo e da escritura que, a través de relatorios individuais, entrevistas e coloquios, reflexionarán o 2 e 3 de marzo sobre a realidade do xornalismo de opinión en España.

Durante a presentación do evento que acollerá Pontevedra a comezos do vindeiro mes, a presidenta da Deputación de Pontevedra resaltou que “na sociedade a muller sempre está infrarrepresentada e no caso do xornalismo os datos son escandalosos, xa que o 64% das persoas coa carreira de xornalismo son mulleres e, sen embargo, é un sector dirixido maioritariamente por homes, de feito o 89% dos postos de dirección dos medios do noso país está ocupado por homes. Está claro que algo falla”. Carmela Silva tamén citou un informe da Asociación de Prensa de Madrid para sinalar que “no 2015 as mulleres ocupaban só o 10,9% dos cargos de dirección en medios impresos de España, o 7,8% en radio e televisión, e apenas o 3,9% en medios dixitais.”

A presidenta da Deputación de Pontevedra subliñou que “o Encontro de Mulleres Columnistas: as mulleres que opinan son perigosas servirá para reivindicar o papel das mulleres xornalistas que levan anos intentando derribar un teito que non é de cristal, é de cemento armado”. Máis polo miúdo, Carmela Silva engadiu que “está demostrado que as mulleres non ocupan os espazos que lle corresponden nos medios como tamén está demostrado que cobran menos que os homes; de feito, contabilízanse máis mulleres que homes nos tramos salariais máis baixos, por debaixo dos 1.500 euros, e menos nos máis altos, por enriba dos 2.000 euros.”

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, afirmou sentirse encantado “de que a nosa cidade acolla unhas xornadas tan necesarias que son unha resposta ao machismo existente nos medios de comunicación, especialmente no que se refire ás mulleres que opinan, xa sexa na prensa como na radio ou na televisión.” Ao fío desta iniciativa, Lores engadiu que “o feminismo é unha liña básica de traballo tanto para o Concello de Pontevedra como para a Deputación” e que espera que “este encontro sexa o principio dun debate en profundidade.”

Tamén interveu a xornalista Susana Pedreira, organizadora do evento xunto a Diana López Varela, quen contou como naceu a idea, explicando que “en verán, cando saíu o cartel do Congreso Capital do Columnismo que ía acoller León formouse un gran alboroto nas redes sociais polo feito de que todos os participantes eran homes. Finalmente os organizadores rectificaron pero tan só invitaron a cinco mulleres dos vinte cinco xornalistas que participaron no evento. En outubro, cando tivo lugar o congreso, en Twitter foi “trending topic” #HayMujeresColumnistas, tratando de crear un congreso paralelo que hoxe, en Pontevedra, podemos facer realidade.”

Para denunciar a situación actual nos medios de comunicación, durante a rolda de prensa de presentación, Susana Pedreira fixo un repaso da prensa diaria relatando que “no Diario de Pontevedra, dos seis artigos de opinión tan só había unha muller, na Voz de Galicia, de dez, soamente unha muller; no Faro de Vigo, de dez tamén só unha, e no País, de 12 artigos de opinión, cinco estaban escritos por mulleres.”

Malia os datos ofrecidos por Susana Pedreira, que amosan fielmente a realidade, si que hai en España importantes columnistas mulleres, tal e como se vai amosar en Pontevedra con este encontro no que participarán 13 columnistas de relevancia que entre todas suman medio millón de seguidores en Twitter. As xornalistas participantes no “Encontro de Mulleres Columnistas: as mulleres que opinan son perigosas” serán: Rosa Montero, Ana Pardo de Vera, Elisa Beni, Lucía Taboada, Marta Garía Aller, Celia Blanco, Ana Isabel Bernal Triviño, Anita Botwin, Fernanda Tabarés, Inma López Silva, María Varela, Emma Gascó e Diana López Varela.

A entrada para todas as charlas do encontro será libre ata completar aforo pero aquelas persoas interesadas en garantise unha butaca poderán facer a súa reserva a través da web da Deputación de Pontevedra (https://www.depo.gal/escola-de-igualdade-maria-vinyals/foro-as-mulleres-que-opinan-son-perigosas).