Carmela Silva reivindica en Ponteareas a loita pola igualdade co programa da Deputación “Mulleres en acción. Violencia zero”

A música e a voz da comprometida cantante Wöyza levantou ás máis de 200 rapazas e rapaces de centros educativos da localidade que acabaron aclamando á artista de Moaña
Publicado por o día 07/03/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

Carmela Silva reivindica en Ponteareas a loita pola igualdade co programa da Deputación “Mulleres en acción. Violencia zero”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e pola deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, asistiu no Auditorio Reveriano Soutullo á oitava intervención artística do programa “Mulleres en acción. Violencia zero”, da Deputación de Pontevedra.

Nos prolegómenos da actuación de Wöyza, que tivo unha grande acollida entre as mozas e mozos asistentes, Carmela Silva dirixiuse ao alumnado dos centros educativos participantes no programa “Mulleres en acción. Violencia zero” para sinalarlles que “sodes unha xeración con moita formación e coñecemento e en vós poñemos a confianza para poder construír unha sociedade en igualdade, unha sociedade mellor” e que está segura de que “o futuro é mellor porque está nas vosas mans, teredes que traballar moito para conseguilo pero de seguro que o acabaremos logrando”.

A protagonista da actuación foi Wöyza, a prestixiosa cantante vencellada ao hip hop cuxas letras nunca deixan a ninguén indiferente e cuxa voz arrancou os aplausos de todo o auditorio. A artista cantou tres cancións acompañada dun piano e en dúas delas contou co acompañamento dun público que acabou moi implicado na actuación. Ademais, explicou como xurdiu a súa música e acabou aconsellando ás mozas e mozos que “se amasen e desfrutasen da vida”.

Ante ao alumnado asistente, procedentes do IES do Barral, IES Val do Tea, IES Pedra da Auga, CPR Santiago Apóstol e Colexio Plurilingüe La Inmaculada, Carmela Silva explicou que é a primeira presidenta da historia da Deputación de Pontevedra e destacou que “isto amosa o difícil que temos as mulleres ocupar cargos de tomas de decisión”. Tamén sinalou que “non podemos consentir que se prescinda do talento do 58 % das persoas tituladas”.

Pola súa banda, o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, agradeceu “o compromiso da Deputación traballando para acabar coa lacra das violencias machistas e a valentía das mulleres para denunciar estas situacións” e sinalou que “grazas a estas iniciativas estamos concienciando á sociedade para acabar coas discriminacións e as violencias”.

Mulleres en acción. Violencia zero” reúne o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero.

Esta terceira edición comezou en novembro de 2017 e novamente terá lugar este ano en 25 concellos da provincia (Vigo, Pontevedra, Cerdedo-Cotobade, Mos, A Lama, Forcarei, As Neves, Lalín, Cambados, Ponteareas, Barro, A Cañiza, Valga, Silleda, Catoira, Gondomar, A Guarda, A Illa de Arousa, Bueu, Moaña, O Porriño, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Mondariz e O Rosal).