Carmela Silva visita en Gondomar as obras da praza da Paradela, “unha actuación de referencia para devolver o espazo público á xente”

A nova infraestrutura, que transformará todo o centro da vila, está financiada ao 100 % pola Deputación, con case 800.000 € do Plan de Reequilibrio e do Plan Concellos
Publicado por o día 15/01/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

Carmela Silva visita en Gondomar as obras da praza da Paradela, “unha actuación de referencia para devolver o espazo público á xente”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, visitaron hoxe as obras de humanización e rehabilitación da praza da Paradela. “É un orgullo visitar esta praza, que está sendo recuperada para devolvela á xente. Estamos recuperando un espazo público para que as persoas volvan ser donas del e para que os vehículos deixen de ser os protagonistas. Recuperamos un novo espazo que acollerá á veciñanza de Gondomar e transformará por completo todo o centro da vila”, explicou Silva. Trátase dunha obra moi esperada pola veciñanza e está integramente financiada pola institución provincial, cun investimento total de 798.820,74 euros. A través do Plan de Reequilibrio, a Deputación achega 639.056,65 euros, e os restantes 159.76409 euros apórtaos o Concello mediante as achegas provinciais do Plan Concellos.

Carmela Silva felicitou ao equipo de Goberno de Gondomar por apostar decididamente por recuperar os espazos públicos para a xente, grazas ao que “este espazo vai permitir moitos usos. Vai ser de novo un lugar de encontro, de socialización, para poder facer teatro, música na rúa ou todas aquelas actividades que ás persoas nos permiten ser felices. Isto só o conseguimos en lugares que atraen á xente e non naqueles que expulsan á xente”. A presidenta resaltou que en actuacións coma esta non importa o custo, “senón que o que cómpre ter en conta é o seu valor. Os pobos amables e humanizados teñen un enorme poder de atracción, mentres que os pobos degradados e deshumanizados, que expulsan ás persoas, hoxe en día non teñen futuro”.

A presidenta mostrouse moi orgullosa de estar colaborando co Concello de Gondomar na recuperación de espazos para a veciñanza, “a acción pública é para transformar e para cambiar”. Gondomar sigue dando pasos na historia para construír un pobo mellor, con mellor calidade de vida, onde as persoas poidan ter de novo espazos de encontro. É espectacular a transformación urbana que se está facendo en Gondomar, polo que queda claro que todo é posible con proxectos, con convicción, con ilusión e con ganas de cambiar”.

Pola súa parte, o alcalde subliñou que “é un día moi especial para Gondomar. Estamos devolvendo a praza da Paradela ao pobo, ao seu estado natural. Fai moito tempo era a praza da xente, onde confluía toda a veciñanza, pero despois transformouse na praza dos vehículos, onde a xente non tiña cabida. Pois agora vai volver ser a praza da xente, moderna, humanizada e chea de vida. Queremos un Gondomar pensado para a xente, onde poidan vivir en harmonía e gozar dos espazos públicos”. Paco Ferreira salientou ademais o grande esforzo que está facendo a Deputación para “cambiar a provincia, o modelo de gobernar, os hábitos e as malas costumes de antes, á hora de facer investimentos nos municipios”.

Nas obras de humanización da praza da Paradela, o principal obxectivo é mellorar a mobilidade e recuperar o espazo público para a cidadanía. Búscase ademais crear unha imaxe de conxunto e integrada, onde a praza e o seu perímetro sexan parte dun todo. No novo espazo integraranse a rúa Ángel Urzáiz, a parte norte da Paradela e a praza do Concello. Máis polo miúdo, estas actuacións implicarán a eliminación do tráfico rodado na zona, así como das barreiras arquitectónicas mediante a creación de plataformas únicas. Crearanse novos espazos verdes mediante a inserción de novas árbores na trama urbana e formularase a recuperación da auga coma un dos elementos fundamentais da nova praza.

Case 6 millóns de euros de investimentos en Gondomar

O Goberno de Carmela Silva, no que vai de mandato, ten investido en Gondomar case 6 millóns de euros, o maior investimento feito nunca neste municipio na historia da Deputación. Só co Plan Concellos, a través da Liña 1, Gondomar puido financiar un total de 30 actuacións. Ao abeiro da Liña 3 de Emprego do Plan Concellos, nestes tres anos e medio, Gondomar puido contratar a 60 traballadoras e traballadores municipais. No vixente Plan Concellos 2019, Gondomar dispón de 1.003.879,76 €, un 3,5 % máis que en 2018.