Carmen Maura e Dafnis Balduz presentan La golondrina na Tempada de Teatro de Afundación

Sairán a escena o 20 de febreiro no Teatro Afundación de Vigo e o día 21 no Auditorio da Sede Afundación de Pontevedra
Publicado por o día 11/02/2020 na sección de Galicia,Cultura,Eventos,Vigo

Carmen Maura e Dafnis Balduz presentan La golondrina na Tempada de Teatro de Afundación

La golondrina, con Carmen Maura e Dafnis Balduz, será a seguinte obra en ser interpretada dentro da Tempada de Teatro de Afundación, a Obra Social de ABANCA. Poderase ver o vindeiro xoves 20 de febreiro no Teatro Afundación de Vigo, e o venres día 21 no Auditorio da Sede Afundación de Pontevedra, en ambos os dous casos a partir das 20.30 h.

As entradas están dispoñibles na web Ataquilla.com para todas aquelas persoas que non adquirisen un abono de tempada, que supón un aforro do 20% con respecto ao importe das entradas soltas.

LA GOLONDRINA

A obra reúne a dous personaxes, Amelia e Ramón. A primeira, unha severa profesora de canto, recibe na súa casa a Ramón, quen desexa mellorar a súa técnica vocal para cantar no memorial da súa nai falecida recentemente. A canción elixida ten un significado especial para el e, ao parecer, tamén para a muller quen, a pesares das súas reticencias iniciais, accede a axudar ao alumno. A medida que a tarde avanza, os dous personaxes van descubrindo detalles sobre o seu pasado, profundamente marcado por un atentado terrorista de signo islamista que sufriu a cidade no ano anterior.