CC Xurídicas ofrece un seminario gratuíto sobre as principais medidas laborais contra a COVID-19

Será o martes 5 de maio ás 11.00 horas na aula virtual salón de graos da facultade
Publicado por o día 30/04/2020 na sección de Galicia,Eventos,Universidade de Vigo,Vigo

CC Xurídicas ofrece un seminario gratuíto sobre as principais medidas laborais contra a COVID-19

O ámbito laboral é un dos que máis lexislación sumou nestes últimos días coa publicación de varios decretos leis que modifican de maneira temporal a normativa ante a emerxencia sanitaria provocada pola COVID-19. Neste contexto a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo organizou para o vindeiro martes, 5 de maio, un seminario en liña totalmente de balde e aberto ao público interesado, independentemente de que teña ou non coñecementos previos de Dereito Laboral, sobre as principais medidas establecidas.

ERTEs, prohibición de despedimentos, teletraballo…

Organizado pola profesora Rosa Rodríguez Martín-Retortillo e baixo o título Medidas laborais fronte ao Covid-19, impartirao o catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social Jaime Cabeza, que será o encargado de abordar a actual situación do mercado de traballo. Como non podía ser doutra maneira falará dos expedientes temporais de regulación de emprego, os coñecidos ERTEs, pero tamén de protección por desemprego e cesamento de actividade de traballadores autónomos, da prohibición dos despedimentos, do teletraballo, da adaptación da xornada e dos permisos retribuídos. “En xeral, é un conxunto de medidas moi razoable. Os ERES, conxuntamente coa prohibición de despedimentos, están actuando como un escudo de perda de moitos máis empregos”, explica Cabeza, quen admite botar en falta unha mellor protección dos traballadores temporais, especialmente os contratados en fraude de lei, así como un maior control público e non polas mutuas colaboradoras da protección de cesamento de actividade dos autónomos. “Tamén quizais unhas regras específicas para as pequenas empresas”, subliña o catedrático vigués.

Con respecto á posible ‘desescalada’ que debería irse producindo ao longo das vindeiras semanas, Cabeza considera que, desde a perspectiva do Dereito do Traballo, haberá que estar en continua adaptación para asumir progresivamente a volta a unha situación de normalidade. “Penso que o que vai acontecer é que vai medrar moito o desemprego por mor da elevada porcentaxe de temporalidade”, recalca o poñente, quen considera que o reto é “que non se perda ademais moito emprego estable antes de decembro do 2021”.

Inscricións

A cita será o martes 5 ás 11.00 horas na aula virtual salón de graos da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. As persoas que estén interesadas en asistir debe enviar un correo electrónico a profesora que organiza a actividade (rosarodriguez@uvigo.es) para que lles sexa enviado o contrasinal que lles permitirá acceder á sala.