CCOO lamenta o falecemento de ‘Ferreiro’, unha das persoas clave na historia do movemento obreiro galego

Publicado por o día 11/01/2021 na sección de Galicia,CC.OO,Sindicatos,Vigo

CCOO lamenta o falecemento de ‘Ferreiro’, unha das persoas clave na historia do movemento obreiro galego

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia lamenta o falecemento de Luís González López, máis coñecido como Ferreiro (Vila de Cruces, 2 de agosto de 1939-Vigo, 9 de xaneiro de 2021), unha das persoas clave na historia do movemento obreiro galego.

Polo seu firme compromiso social a prol das liberdades públicas e dos dereitos da clase traballadora, Ferreiro coñeceu na propia pel a dureza da represión franquista. Foi detido e torturado polo seu papel na distribución de propaganda sindical, pero nunca delatou os seus compañeiros, lembra Xesús Alonso Montero no obituario que lle dedica.

Desde Francia axudou a fundar o Partido Comunista de Galicia e, de volta no país, instalouse en Vigo, onde foi unha peza fundamental para a constitución das Comisións Obreiras e da histórica folga de 1972.

O director de cine Roi Cagiao, quen xa colaborou con CCOO en varios proxectos, afondou sobre a figura deste loitador no documental O meu nome é Luís Ferreiro. Tamén se achegou á súa persoa o académico e escritor Manuel Rivas, quen lle dedica un capítulo a Ferreiro no libro colectivo Conciencia de clase. Historias de las Comisiones Obreras.