Cecilia Pereira destaca a importancia do Camiño de Santiago na construción da cultura e a sociedade europea

A comisaria do Xacobeo 21 participou en Navarra nas xornadas ‘El Camino de Santiago, una senda de integración’ dentro dos Cursos Europeos de Verano
Publicado por o día 29/08/2019 na sección de Turismo

Cecilia Pereira destaca a importancia do Camiño de Santiago na construción da cultura e a sociedade europea

A comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, destacou en Navarra a importancia do Camiño de Santiago na construción da cultura e sociedade europea no marco das xornadas El Camino de Santiago, una senda de integración, dentro dos Cursos Europeos de Verano organizados por Diario de Navarra e NavarraCapital.es.

Durante a súa ponencia, titulada Camino de Santiago patrimonio europeo y mundial, Cecilia Pereira sinalou que valores “como a solidariedade, a concordia entre os pobos, ou o respecto á diversidade”, que representa Ruta Xacobea, “son o sustrato da identidade europea” e uns principios “que hoxe máis que nunca cómpre reivindicar”.

A comisaria do Xacobeo 21 puntualizou ante os asistentes que o Camiño de Santiago “é moito máis que unha ruta cultural”, ao incluír, ademais, outras vertentes como a natural, a espiritual e relixiosa. Por este motivo, avanzou, o próximo Ano Santo é un acontecemento fundamental non só para toda Galicia e para toda España, “senón para toda Europa”.

Neste sentido, Cecilia Pereira fixo especial fincapé no “carácter multicultural” da Ruta Xacobea e destacou a súa capacidade como “experiencia humana e de intercambio”, capaz de acoller a persoas de máis de 170 nacionalidades. “Nun momento no que existen tantas barreiras temos que buscar o que nos une e un obxectivo común, como é o Camiño de Santiago”, concretou.

Ademais de pronunciar esta ponencia, a comisaria do Xacobeo 21, mantivo diferentes encontros individuais co alcalde e a concelleira de Cultura de Pamplona, coa directora xeral de Turismo, Comercio e Consumo de Navarra, Maitena Ezkutari Artieda, membro do Consejo Jacobeo, e co presidente da Asociación de Amigos do Camiño en Navarra e a súa xunta directiva.

‘Cursos Europeos de Verano’

O Camiño de Santiago protagonizou unha das tres xornadas dos Cursos Europeos de Verano, que durante tres días acolleron diferentes charlas e obradoiros a cargo de personalidades europeas, representantes institucionais, empresariais e sociais como Emma Navarro, vicepresidenta do Banco Europeo de Investimentos ou Burkhard Balz, conselleiro delegado do Bundesbank, que debateron e expuxeron ideas sobre temas de actualidade para Europa e Navarra.

A xornada El Camino de Santiago, una senda de integración abordou o papel da Ruta Xacobea na construción europea e analizou os novos retos que afronta a peregrinación a Santiago no século XXI.