Chega a terceira edición do Galician Freaky Film Festival cargada de aliens, vampiros, máscaras e música

A Sala Videodrome, na rúa Velázquez Moreno 44, será o centro de operacións do certame que terá lugar entre o 24 e o 26 de outubro
Publicado por o día 17/10/2019 na sección de Galicia,Eventos,Vigo

Chega a terceira edición do Galician Freaky Film Festival cargada de aliens, vampiros, máscaras e música

Está mañá presentouse na Sala Videodrome, o templo do frikismo vigués, a programación definitiva da #2 Edition do Galician Freaky Film Festival e, tal e como se agardaba, chega repleta de contido friki espallado ó longo dos tres días que ocupará o certame.

Preto de 40 filmes nacionais e internacionais chegados dende Rusia, México ou Países Baixos conformarán unha sección oficial escollida entre case 200 propostas. “Hai pezas que veñen de Sitges ou de Nocturna” –comentou Juan De Castro, director do certame– “que son a primeira vez que se verán en Galicia”.

A programación complétase con dúas exposicións, dúas actuacións en directo, cervexas silvestres, aliens por todos os lados, sorpresas e o método máis ruidoso posible para seleccionar as mellores curtametraxes: o clásico aplausómetro noventero.

A inauguración correrá a cargo de Caspervek Ensamble que musicalizará en directo Nosferatu, unha sinfonía do horror, o gran clásico expresionista do mestre F.W. Murnau e todo un referente do cinema de chupasangues o xoves 24 ás 19:30. Acto seguido proxectaranse dous bloques de curtas: Co cu torcido quedo Animación Freak.

O venres 25 será unha xornada de frikismo intenso con varios pases diferentes agrupados por xéneros nos que se poderá gozar e rir a cholón no Serán de Humor Freak Vol. 1, tratar de explicar o inexplicable na sesión Que carallo é isto? ou chorar, berrar e ata abrazarse ó do lado na Noite de arrepío.

Xa o sábado 26 chegará o momento do Serán de Humor Freak Vol. 2 e unha cita que promete as delicias dos máis fanáticos o Frikismo do país sesión na que se proxectarán esas obras que máis entenden a filosofía do frikismo autóctono galego.

Para rematar, trala entrega de premios, chegará o momento do concerto de Los Pontiaks que dará paso ó desenfreo e o despiporre da festa de clausura que rematará cando o ordenen as autoridades, “o ano pasado acabouse facendo o trenecito” –bromeou o director do certame– “iso é un síntoma inequívoco de que houbo sarao”

Expos arrepiantes, escenografía arrepiante

Unha das grandes sorpresas da nova edición do Galician Freaky Film Festival é que contará  cunha exposición de Alberto Hortas,  “a figura galega máis importante en canto a efectos especiais se refire” –puntualizou De Castro– “teremos moitas das súas pezas e a honra de telo a el aquí explicando a exposición e facendo una masterclass en vivo”. Hortas ten colaborado en filmes coma O espinazo do diañoO laberinto do fauno  ou o sanctasanctórum do frikismo de culto, o programa Muchachada Nui.

Pero iso non é todo. Como ven sendo habitual no GFFF, non podía faltar a expo dun dos artistas máis arrepiantes do panorama vigués Josef Méndez e o seu Art Horror no que rende homenaxe ós grandes clásicos do terror dos 80 e os 90.

A videodrome será a nave Nostromo

Este 2019 cómprense corenta anos da estrea mundial de Alien o oitavo pasaxeiro, a cinta de culto protagonizada por Sigourney Weaver e dirixida por Ridley Scott. O Galician Freaky Film Festival non quixo perder a oportunidade de facer a súa propia homenaxe a esta efeméride e xa avisou no cartel do evento creado por Paulo Mosca e María Llauger. Pero non quedará aí.

A Sala Videodrome converterase durante tres días na irmá pequena da nave Nostromo e alí se verán aqueles ovos míticos da peli cheos daqueles parasitos tan amigables e desexosos de abrazar a alguén.

En resumo, todos os que queiran rir, gozar do cine máis gamberro e sen complexos e vivir a festa máis friki do ano, teñen unha cita os próximos 24, 25 e 26 de outubro na sala Videodrome no Mercado do Progreso, na rúa Velázquez Moreno 44. As entradas xa están á venda na web galicianfreakyfilmfestival.com e pódense conseguir abonos para todo o festival.

Presentación da terceira edición do Galician Freaky Film Festival

Está mañá presentouse na Sala Videodrome, o templo do frikismo vigués, a programación definitiva da #2 Edition do Galician Freaky Film Festival e, tal e como se agardaba, chega repleta de contido friki espallado ó longo dos tres días que ocupará o certame.A información ao completo na seguinte ligazón https://www.noticiasvigo.es/chega-a-terceira-edicion-do-galician-freaky-film-festival-cargada-de-aliens-vampiros-mascaras-e-musica/

Publicada por Noticias de Vigo en Jueves, 17 de octubre de 2019