Cociña, viño, docencia e arte reúnense nos obradoiros do Campus Crea

A gamificación e a robótica educativa figuran tamén entre os contidos
Publicado por o día 31/10/2018 na sección de Galicia,Pontevedra,Universidade de Vigo

Cociña, viño, docencia e arte reúnense nos obradoiros do Campus Crea

Aprender a cociñar receitas saudables; achegarse ao viño desde as ópticas da ciencia, a cultura e a tradición; abordar as diferentes fases da creación dunha instalación artística e afondar no uso da robótica e da gamificación como ferramentas educativas. Estas son as cinco propostas que o proxecto de especialización Campus Crea S2i reúne no programa de obradoiros que desenvolverá no mes de novembro e que desde este luns manteñen aberto o seu período de inscrición na plataforma Culturxest. De carácter gratuíto, cada un destes talleres conta con 20 prazas e están dirixidos ao alumnado, coa excepción do obradoiro O viño: ciencia, cultura e territorio, dirixido ao conxunto da comunidade universitaria. Trátase, como sinala o director do Campus Crea, Carlos Souto, de cinco cursos de 20 horas, que cubrirán ás súas prazas por orde de inscrición e que aínda que nalgúns casos “están dirixidos ao mellor a un perfil máis orientado á educación ou a arte, están abertos a todo o alumnado”.

Da cociña saudable á cultura do viño

Recibir unha serie de pautas sobre nutrición e dietética e aprender a elaborar, de xeito práctico, sinxelos pratos saudables constitúen dous dos obxectivos principais do Obradoiro práctico de cociña saudable para cerebros ocupados, que entre o 8 e o 23 de novembro impartirán os docentes do CIFP Carlos Oroza, Marta Abad, Ricardo Fernández, Daniel Pulzoni e Francisco Rodríguez. “Trátase dun obradoiro que entronca directamente co espírito do Green Campus”, sinala Souto dun “curso de cociña moi básica, que lles permitirá aprender unha serie de técnicas iniciais para comer máis san” e que se realiza coa colaboración do Carlos Oroza. Así, unha visita pola horta deste centro para logo aprender a facer ensaladas e pratos con hortalizas, xunto cunha serie de obradoiros prácticos para a elaboración de pratos saudables con pastas, arroces, peixes ou carnes figuran entre os contidos dun taller no que o alumnado disporá de transporte gratuíto entre o campus e o Carlos Oroza.

A Casa das Campás e o Pazo de Mugartegui serán por outra banda as sedes de O viño: ciencia, cultura e territorio, un taller que se desenvolverá os días 15, 19 e 22 de novembro abordando “tres perspectivas diferentes sobre o viño”, como sinala Souto . Así, o día 15 a investigadora do CSIC Carmen Martínez protagonizará unha sesión titulada Variedades de vide e territorio. Ciencia, historia e tradición; mentres que a sesión do 19 centrarase no labor do sumiller na transmisión da cultura do viño, da man de Adrián Gutiérrez, da Viñoteca Bagos. A última sesión, o 22 de novembro, centrarase na vinculación do viño co territorio, da man do secretario xeral da Denominación de Orixe Rías Baixas, Ramón Huidobro.

Robótica e gamificación

A Aula Tecnolóxica da Casa das Campás será a sede dos dous obradoiros deste programa máis vinculados co ámbito da docencia. Entre os días 8 e 16, a sede da Vicerreitoría acollerá un curso de iniciación á robótica educativa, dirixido a amosar aos e ás participantes diferentes aplicacións e materiais cos que achegar a robótica as aulas, amosarlles como deseñar e construír figuras robotizadas, explorar as posibilidades da programación aplicada á educación ou iniciarse no manexo de placas Arduino. “Trátase de achegarse a novos modos de ensinar empregando outro tipo de tecnoloxías”, sinala Souto dun curso que se verá sucedido nesta Aula Tecnolóxica, do 22 ao 30 do vindeiro mes, polo taller A gamificación como ferramenta de innovación e motivación na aula, un curso centrado nunha técnica de ensino que traslada as mecánicas dos xogos ao ámbito educativo co propósito de acadar mellores resultados na aprendizaxe.

A creación artística no laboratorio

O xoves 8 de novembro dará comezo na Sala X o obradoiro Fab-Lab no campo expandido. Planificar-construír, un taller impartido polo artista e xefe de montaxes de exposicións no museo Marco de Vigo, Paul Guy, e a crítica e comisaria Ánxela Caramés que busca achegar aos e ás participantes á planificación e construción de instalacións artísticas. Para iso, unha instalación deseñada por Guy, Bird watching servirá como caso de estudo de tal xeito que se levará a cabo unha reconstrución desta obra no exterior da Facultade de Belas Artes, no marco dun taller no que se irán abordando “as distintas fases e aspectos técnicos e de montaxe que é preciso ter en conta para o desenvolvemento “dun proxecto artístico complexo”, como sinala a decana de Belas Artes, Silvia García, que explica que o alumnado tamén desenvolverá por grupos “un prototipo de dispositivo para unha exposición, como traballo práctico” para este taller.