O Eckerd College de Florida é a institución académica estadounidense na que a alumna da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Ariadna Cordal amplía no presente curso a súa formación ao abeiro do programa de mobilidade ISEP (International Student Exchange Programme). “Estou moi contenta coa experiencia en xeral, en Eckerd teñen un bo programa de Film Studies e iso é o que estou cursando”, salienta esta alumna de Comunicación Audiovisual, que recentemente destacaba no festival audiovisual que promove esta universidade da localidade de San Petesburgo, colleitando premios en tres das catro categorías dun certame dirixido a premiar os mellores traballos do seu alulmnado, o Eckerd College Film & Video Festival, que se suman a outros recoñecementos colleitados nestas últimas semanas do outro lado do Atlántico, como o premio obtido no Surreal Film Festival que esta universidade promove xunto ao Salvador Dali Museum desta localidade e a selección da súa curta Estela no Moondance Film Festival que, tamén no estado de Florida, promove a Universidade de Tampa.
“Estados Unidos é ben diferente de Galicia, como había de esperarse, polo que estou aprendendo moito non só a nivel académico, senón tamén a nivel cultural. Penso que estas oportunidades para estudar noutro país debían aproveitarse”, salienta Cordal da experiencia que desde setembro está vivindo nesta universidade estadounidense ao abeiro dunha rede que reúne máis de 200 universidades de todo o mundo, entre as que Vigo é unha das nove representantes españolas. A estudante do campus pontevedrés, concretamente, decantouse pola rama de Film Studies/Film Production, “xa que estou intentando centrarme en cine”, o que a levou a esta localidade de Florida onde os seus propios traballos como alumna veñen de ser recoñecidos no festival que promove o Eckerd College.
Tres candidaturas, tres premios
“É moi gratificante, certo recoñecemento, por moi pequeno que sexa, anima a tratar de atopar novos proxectos e seguir traballando”, sinala Cordal dos seus premios nun festival dirixido a dar visibilidade aos traballos audiovisuais do alumnado. Festival ao que concorreu cos seus proxectos en tres das súas catro categorías, obtendo o primeiro premio en dúas delas e un segundo na de Lingua e cultura, en todos os casos, por proxectos desenvolvidos nos últimos meses ao abeiro desta estadía nos EEUU.
Por unha banda, Cordal logrou o primeiro premio na categoría creativa por They ponder, un “documental experimental no que xustapoño os primeiros planos de dous actores con planos de obxectos, coa intención de apelar á ambigüidade da mente e as emocións”, un traballo que tamén lle valeu un premio no festival que promove o museo dedicado nesta cidade á Salvador Dalí. Así mesmo, o xurado destes premios, integrado por docentes de diferentes áreas do Eckerd College seleccionou tamén como mellor traballo do alumnado na categoría Video Essay o seu proxecto Confessions: Teaching Redemption, “É unha análise dunha secuencia da película Confessions”, explica Cordal, que sumou tamén un segundo premio por The girl and the city, “un documental observacional dunha das miñas compañeiras internacional”, no que relata a súa experiencia como estudante de intercambio nos Estados Unidos.
A estes galardóns engadiuse así mesmo a selección no Moondance Film Festival de Estela, “unha curtametraxe que fixen cos meus compañeiros da Universidade o ano pasado”, e que xa fora previamente recoñecida no concurso de creación audiovisual da Universidade de Vigo.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.