Combarro acolle este mércores “Feminino plural” a nova acción do programa “Violencia zero” da Deputación de Pontevedra

A peza das artistas Silvia Penide e Carla López será un recital poético musicado para dar a coñecer as obras das autoras que foron silenciadas ao longo da historia
Publicado por o día 25/06/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

Combarro acolle este mércores “Feminino plural” a nova acción do programa “Violencia zero” da Deputación de Pontevedra

Combarro será o escenario este mércores, ás 19 horas, no que a música e a poesía se unirán para reivindicar a figura da muller autora. No marco dunha nova intervención artística co programa “Mulleres en acción. Violencia zero” da Deputación de Pontevedra, o concello de Poio acollerá así o recital poético da man de Silvia Penide e Carla López, as dúas artistas galegas que conforman o grupo Feminino Plural, que tamén dá nome á peza que interpretarán. Así, este proxecto impulsado pola institución provincial ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas para enxalzar o traballo das mulleres artistas galegas. Feminino plural será unha intervención artística no que as artistas darán un recital poético musicado no que construirán todo un camiño de historias, tanto cantadas como contadas, onde darán pequenas cápsulas musicais de obras doutras autoras que foron silenciadas ao longo da historia e que, aínda así, conforman un inmenso patrimonio musical.

Silvia Penide (A Coruña, 1979) é unha cantautora galega que conta con varios discos no mercado. No 2016 estreou o seu último disco, co que traballou con grandes referentes da música nacional, e co que gañou o Premio Martín Códax da Música Galega na categoría de pop/indie. Pola outra banda, Carla López (A Coruña, 1981) é musicoterapeuta e traballo no seu propio centro na cidade da Coruña. Xunto con Penide conforma Feminino Plural, co obxectivo de darlle visibilidade ás mulleres autoras que foron ocultadas ao longo da historia.

“Mulleres en acción. Violencia zero” neste ano 2019 volve reunir o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. O obxectivo é darlle visibilidade á loita pola igualdade e contra as violencias machistas, ao tempo que serve de escaparate para enxalzar o traballo das mulleres artistas galegas. Esta cuarta edición de “Mulleres en acción. Violencia zero” comezou en novembro de 2018 e novamente se despraza por 25 concellos da provincia.

Comentar noticia

Your email address will not be published.