O Concello do Grove convocou onte ás asociacións culturais do Grove para unha reunión informativa na que se abordou a convocatoria das subvencións para asociacións culturais para o presente ano. Durante a reunión déronse contas dos gastos realizados en Cultura en 2017 e fíxose un repaso pola evolución das subvencións deste tipo nos últimos anos. Deste xeito destacouse o esforzo realizado ano a ano para incrementar as axudas que se atopaban nun mínimo de 22.000 euros en 2015. O Concello do Grove tíñase comprometido a acadar a cifra de 30.000 euros polo que propúxolle ás asociacións aumentar en 4.000 euros a cantidade de 2017 (que estaba en 26.000 euros). Dito incremento queda, polo tanto, pendente da aprobación dos orzamentos municipais para 2018.
Debe destacarse que o actual reparto de subvencións realízase sobre unhas bases que foron desenvoltas nunha mesa de traballo coas propias asociacións, o que permite realizar un reparto máis obxectivo e baseado nun programa de actividades anual que dinamiza enormemente a actividade cultural do Grove. Entre os cambios emprendidos en 2016, cando se aprobaron as novas bases, atópase o de repartir a totalidade dos fondos destinados á subvencións, xa que anteriormente só se repartían en función duns máximos que provocaba que moitos anos quedara unha parte importante dos fondos sen distribuír.
Dende as asociacións culturais existe acordo en manter as bases de anos anteriores e plantexáronse dúbidas relativas aos formatos establecidos de presentación da documentación. Tamén se aproveitou a reunión para incidir na necesidade de que as asociacións comuniquen con antelación a súa axenda de actividades ao Concello xa que se busca unha mellor coordinación que evite o solapamento de eventos. A publicación das bases para a subvencións de cultura de 2018 queda pendente da aprobación dos orzamentos municipais para poder realizar o incremento orzamentario acordado coas asociacións.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.