O concello de Tui traballa para dar solución ás carencias que presentan as novas instalacións do comedor escolar do CEIP nº2

O proxecto construtivo non contempla cuestións coma unha encimeira ou a dotación do mobiliario
Publicado por o día 08/02/2018 na sección de Galicia,Tui

O concello de Tui traballa para dar solución ás carencias que presentan as novas instalacións do comedor escolar do CEIP nº2

O goberno municipal de Tui traballa para solucionar as carencias que na actualidade presentan as dependencias que acollerán o comedor do CEIP nº2 de Tui na antiga casa do conserxe deste centro.  A gran demanda deste servizo que presta este centro educativo fixo que se plantéxase un novo emprazamento cara un lugar con maior capacidade. Tras as obras acometidas para a súa posta en marcha faltan cuestións necesarias coma unha encimeira, un microondas ou o mobiliario coma cadeiras e mesas, que non se contemplaban no proxecto inicial.

O concelleiro Antonio Castro explica que se trata dun problema que vén de atrás ao que están traballando para dar unha solución. Así para dotar ao novo comedor de mobiliario mantiveron contactos co xefe territorial de Educación, César Pérez, quen amosou boa disposición para facerse cargo destes elementos, xa que segundo o edil tudense son competencia da Xunta.

Con respecto ás outras carencias ás que terá que facer fronte o Concello explicou Antonio Castro que solicitaron orzamentos para coñecer a canto ascendería o importe para a colocación dunha encimeira, entre outros.  Ao carecer de consignación orzamentaria para este cometido  terase que proceder a realizar unha transferencia créditos, con cargo ao gasto corrente que iría xa con cargo aos orzamentos de 2018.

O traslado do comedor escolar do CEIP nº2 quedará supeditado á solución que se dará ás carencias de equipamento que presenta a nova instalación nestes momentos, na que se está traballando, e á posterior aprobación por parte da Consellería de Educación, co informe de Sanidade.